O PP critica que o goberno non asfalte a rúa Mestre Méndez por completo

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamentou a decisión tomada polo goberno local, que decidiu deixar sen asfaltar a metade da rúa Mestre Méndez, no barrio de Casás, polo que o voceiro popular pide aos socialistas que “recapaciten” e cambien a súa decisión.

Antonio Ameijide explicou que, dentro dun plan de reasfaltado de rúas do Concello de Lugo, a rúa Mestre Méndez pretenden asfaltala so nun treito. Os socialistas escudan o abandono a estes veciños en que é unha vía privada. O  popular non comprende como o goberno socialista de Lugo toma esta decisión e deixa sen asfaltar un treito “que non chega nin a 80 metros”. Ademais, Ameijide asegura que “é imposible entender” a escusa que da agora a rexedora e o seu equipo, ao dicir que é unha vía privada, xa  que no treito que deixaron sen arranxar os veciños teñen “todos os servizos municipais” (alumeado público, saneamento e abastecemento), mesmo a un dos veciños se lle concedeu a licenza de obra e, no ano 2006, a licenza de primeira ocupación para unha das casas agora afectadas, algo que entendemos” non poderían facer “se este treito non se considerase vía pública”.

Ameijide explica que nas vivendas afectadas “hai familias con nenos pequenos e persoas maiores” que notan o  desgaste producido nos últimos anos no asfalto e, agora, “os socialistas non poden desentenderse destes cidadáns cando antes lles deron servizos públicos”. Ademais, o voceiro popular engade que “o custe de pavimentar o treito que queda sen asfaltar é totalmente asumible”.

Antonio Ameijide e Ángel Trabada reuníronse cos veciños afectados para tentar atopar algunha solución e así paliar os efectos da decisión dos socialistas, que o que pretenden facer é asfaltar so o primeiro treito desta rúa, unha decisión “sen sentido” xa que arranxaron o acceso ás vivendas, pero non queren asfaltar o treito que hai diante das mesmas, o que “é froito dun falta total de traballo, do descoñecemento da cidade e dunha toma de decisións por impulsos”.

Por iso, os populares presentaron un rogo á comisión de Infraestruturas para que o equipo de goberno adopte as medidas oportunas para que se amplíe o proxecto de obra e a rúa Mestre Méndez sexa pavimentada na súa totalidade, xa que o proxecto no que vai contratada esta obra inclúe varias rúas da zona e conta cun orzamento de 72.404,49€.

“Escepticismo” ante promesas “electoralistas”

O popular Antonio Ameijide tamén advertiu esta mañá das “promesas” feitas pola rexedora ante o anuncio de que se levará a cabo un aparcadoiro gratuito no entorno do HULA. O PP ve con “escepticismo” as promesas da rexedora sobre un “leiraparking” que xa prometeran os seus “padriños políticos” no 2011 e non cumpriron. Para Ameijide estes anuncios da rexedora son unha mostra manifesta da “parálise dun concello que non consegue saír a flote”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com