O Partido Popular pregunta ao goberno local onde está a escultura do San Froilán que se sacou hai un mes das escaleiras da Casa do Concello para a recepción dos Reis Magos. A concelleira popular, Beatriz Vázquez, aproveita esta desaparición para poñer en evidencia “un problema que non é menor” e que afecta a todo o patrimonio municipal “neste momento hai pezas de valor que non están inventariadas en ningún documento, hai outras que si están referenciadas pero sen cuantificar o seu valor e, noutros casos non se actualiza o seu estado”. Esta situación caótica non só afecta ás esculturas, tamén as fontes, prazas, canís, xardíns, edificios municipais…
A popular manifestou que no ano 2017 o Grupo Popular defendeu en pleno unha proposta para renovar o catálogo municipal de bens e que foi aprobada por unanimidade. “Anos despois non se fixo nada polo que urxe revisar o patrimonio histórico e artístico”. A concelleira popular reflexionaba “como podemos confiar nun goberno que non sabe o que ten entre mans” e matizaba que na documentación que hai publicada na web faltan propiedades e outras non se saben onde están recollidas “dado que as listas están incompletas”. “É necesario revisar estes documentos para controlar o patrimonio que é de todos os lucenses e evitar expolios ou extravio de pezas”, reflexionaba.
A concelleira popular subliñou que “chama a atención as numerosas pezas que están sen valorar entre as que hai esculturas como o Monumento Fundador que hai na primeria planta da casa do concello ou a que hai na Praza Maior, ou a Muller agachada que hai no despacho da alcaldía, por non mencionar os preto de 80 cadros de pintura rápida que están sen cuantificar”. Tampouco hai rastro das esculturas exteriores como o Ánxel Fole, árbores metálicas de Fingoi, a castañeira da carballeira de Alfonso X, etc; iso por non mencionar a escultura de Javier Krae valorada en 30.000 euros.
Xa no tocante ao inventario de bens inmobles observamos: que non hai referencias de bens dos que levamos décadas disfrutando (Praza de Augas Férreas, Paulo Favio Máximo, Praza do Castiñeiro, Agro do Rolo etc); chama a atención que tan só aparecen dous dos catro canís que hai (Carril Estantigas y Parque Milagrosa) e con respecto ás fontes tan só aparce unha soa coa referencia de “Fonte pública”. O PP pregúntase a cal se refire: a fonte do Rei, a fonte cibernética da fonte dos Ranchos, a fonte do Pilar que se reconstruiu en Marcos Cela, a fonte da Praza de Avilés… Tampouco figura o panteón do século XIX do Cemiterio de San Froilán cedido aos lucenses por unha familia do municipio.
Os populares tamén atoparon nos listados bens inventariados que non existen (edificio do antigo matadoiro de Frigsa; campo de fútbol de Casás …) ou edificios que aparecen duplicados (Centro de Día Antonio Gandoy).
Por último, o Grupo Municipal do PP quere saber se se deu algún paso para actualizar o inventario de bens inmobles e mobles do Concello de Lugo xa que hai un ano se anunciou que se ían destinar 51.000 € do Edusi para unha aplicación informática que permitirá facer o seu control.