O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamentou, en primeiro
lugar, o accidente que onte pola tarde tivo lugar na Avenida Duquesa de Lugo, no que faleceu unha persoa, e preguntou á rexedora da cidade que ten que pasar nesta avenida para que, dunha vez por todas, cumpra a súa palabra e se realice o desdobramento dos tramos pendentes desta vía.
Antonio Ameijide recordou que a alcaldesa anunciou en marzo do ano pasado, acompañada do presidente da Deputación, Darío Campos, e do concelleiro de Infraestruturas, Manuel Núñez, que antes de que rematase o ano 2017 comezarían os traballos de desdobramento desta avenida. O popular lamenta que “aínda non se fixera nada a este respecto” e o único que fixeron os socialistas nestes meses foi corrixir á alcaldesa, tal e como fixo en decembro do ano pasado o seu edil de Infraestruturas, que asegurou que “xa non falaban de prazos” porque “un ano despois o proxecto aínda está sen presentar”.
O popular lamenta que a parálise da rexedora á fronte do Concello de Lugo “pon en perigo aos lucenses”, que ven como seguen a sucederse os accidentes de tráfico neste punto, e noutros da cidade, sen que poña remedio aos mesmos. Neste senso, Ameijide recorda que “estamos ante o segundo accidente mortal en Infanta Elena no prazo dun ano”.
Antonio Ameijide anuncia que para o Partido Popular o desdobramento de Duquesa de Lugo “é un proxecto fundamental”. Por iso, o popular anunciou que se “esixirá” o desdobramento completo de Duquesa de Lugo, xa que “moito nos tememos” que os socialistas só acometerán os traballos para desdobrar un dos dous treitos pendentes de actuación. “De ningún xeito renunciamos a mellorar a seguridade e os accesos a Lugo”, asegurou o popular, que tamén engadíu que “é fundamental” dotar de iluminación os mesmos treitos xa que redundará nunha mellora sustancial na seguridade para conductores e peóns.
O voceiro popular dixo “non entender” nin a dilación na execución deste proxecto nin “as presas” para realizar unha pasarela sobre a N-VI á altura do Ángel Carro, sobre todo, tendo en conta que nese punto “hai a menos de 20 metros un paso inferior para os peóns” que, ademais, xa se encareceu notablemente ata chegar ao millón de euros de custe.
Ameijide recorda que no pleno de decembro do ano 2015 o Grupo Popular acadou a unanimidade da corporación para iniciar os trámites precisos para que no ano 2016 se desdobrase a avenida Duquesa de Lugo e se dotase de alumeado. Unha mostra máis da “parálise” dos socialistas, que nese debate aseguraron que o Concello de Lugo xa iniciara, a comezos de 2015, os trámites para urbanizar Duquesa de Lugo, pero “a realidade amosa que aínda non fixeron nada”.
“Unha auténtica baixeza ética e moral”
Ante estas acusacións dos populares, non tardou en responder o goberno local. O voceiro municipal, Miguel Fernández, asegurou que estas declaracións demostran que o PP “está nuncha auténtica derica de desacreditación do goberno, ao custe que sexa”, incluso utilizando técnicas do que tildou como “unha auténtica baixeza ética e moral”.
Para Fernández, non hai nunca que vincular un accidente, “que todos lamentamos”, coa acción política de calquera goberno; asemade, o edil dudou do apoio que, entre a xente -incluídos votantes do PP- poderán ter estas “gravísimas acusacións” dos populares.