O PP da Fonsagrada desvela que o Concello perderá o GES

O PP na Fonsagrada asegura que “o alcalde non mira polos intereses dos veciños e veciñas” tras coñecer que o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Fonsagrada xa non terá como sede o municipio. Os populares amosan a súa “tristeza” e “impotencia” ante a perda dun servizo que consideran “básico” para os cidadáns e máis concretamente nun municipio de montaña. Nese sentido, dende o PP, aseguran que “os fonsagradinos e fonsagradinas non merecemos ter un alcalde que está máis ausente que presente no municipio demostrando o pouco que lle importamos”.

Os populares non entenden como o alcalde da Fonsagrada permite que se suprima este servizo cando “ten custe cero para o Concello”. É máis, dende o PP local critican que “o rexedor socialista teña malgastado máis de 200.000 euros de todos os fonsagradinos e fonsagradinas en avogados e indemnizacións; e, aínda por riba, destrúa 12 postos de traballo que contribuirían a xerar riqueza na nosa vila”.

Polo tanto, dende o PP da Fonsagrada amósanse convencidos de que “un alcalde que destrúe emprego, malgasta diñeiro público e reduce servizos básicos na súa vila, non está mirando polos intereses de todos e todas”. Parabéns para as administracións que traballan por mellorar os servizos. Dende o PP da Fonsagrada teñen palabras de agradecemento tanto para a Xunta de Galicia coma para as administracións locais que procuran un maior financiamento e unha mellora das condicións do servizo de emerxencias. Destacan, ademais, que “incluso se están implementando novos equipos GES en zonas que ata agora non contaban con este servizo; mentres que A Fonsagrada, o concello máis extenso de Galicia, o perde”.

Concretamente, trasladan os seus parabéns aos veciños e veciñas do municipio de Baleira, concello candidato a converterse na sede deste servizo, por “contar cun alcalde que procura atraer servizos para o municipio e non suprimilos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com