O PP da Fonsagrada considera un acto de “cinismo” a presenza do alcalde da Fonsagrada nas V Xornadas de Protección Civil apoiando o labor dos voluntarios destes servizos de emerxencias nos municipios pequenos cando “el mesmo despediu por capricho” aos traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).
Os populares insisten en que “non se entende que o alcalde da Fonsagrada presida este acto destacando o imprescindible labor dos servizos de emerxencias mentres el mesmo desmantela os GES”. Por iso, atendendo precisamente ao “incuestionable labor que realizan tódolos traballadores dos servizos de emerxencias nos municipios do rural onde non dispoñemos de bombeiros ou policía local”, dende o PP local consideran “inconcibible que A Fonsagrada sexa o único Concello de Galicia que prescinde destes grupos de emerxencias compostos por profesionais capacitados privando aos veciños deste servizo que, ademais, é gratuíto para os Concellos”.
“O que si vai costar ás arcas municipais máis de 200.000 euros -explican os populares fonsagradinos- son as indemnizacións que o Concello ten que pagar polos despedimentos dos traballadores do GES a través dun expediente colectivo de regulación de emprego que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou improcedentes”.
O Grupo Municipal Popular da Fonsagrada, a este respecto, ten preguntado no Pleno celebrado no mes de maio deste ano pola data na que se indemnizaría ao persoal despedido do GES. Daquela o alcalde socialista dixo que sería “cando estivera totalmente aclarado por parte dos tribunais en que cantidade hai que indemnizar a cada un dos traballadores do GES”. Pero, “vimos de coñecer recentemente que o Xulgado do Social nº 3 de Lugo fixo un novo requirimento ao Goberno local para que proceda ao abono das cantidades que lles adebeda aos traballadores despedidos”, explican os populares.
Os populares da Fonsagrada cren tamén que “tendo en conta que o sistema de emerxencias deseñado pola Xunta precisa máis GES para cubrir todo o territorio, o Concello ten a oportunidade recapacitar e reasumir o servizo. De non ser así, o GES instalarase noutro municipio e A Fonsagrada quedará definitivamente sen este necesario servizo e sen profesionais que poidan atender calquera emerxencia”.