O portavoz popular en A Fonsagrada, José Luís Regueiro, acaba de rexistrar un escrito dirixido ao alcalde no que solicita a creación dunha comisión para o estudo da situación do sector agrogandeiro no municipio, á vista da difícil situación pola que atravesa.
Os populares destacan “o incremento de custos en todos os sectores produtivos, especialmente os derivados da suba de combustibles e cereais para elaboración de pensos”. Toman en conta “a situación insostible do sector gandeiro en xeral, máis concretamente do sector agrogandeiro da Fonsagrada e especialmente dos produtores de Tenreira Suprema”. Regueiro pon de manifesto “a gran importancia deste sector no noso municipio” e di que, por elo, “o Concello de A Fonsagrada debe poñer todos os medios necesarios para reducir o impacto desta terrible situación neste sector e crear unha comisión para o estudo do sector agrogandeiro no municipio”.
Deste grupo de traballo deben formar parte: o Concello de A Fonsagrada, mediante os representantes dos grupos políticos do municipio; os axentes sociais e colectivos implicados, como as asociacións de gandeiros; unha representación de empresas con intereses no sector.
Segundo expón Regueiro, entre os obxectivos do grupo de traballo debe estar o de analizar a situación agrogandeira no municipio, impulsar a elaboración de estudos de viabilidade do sector no municipio, apoiar que se facilite a permuta de fincas rústicas subvencionando parte dos custos e favorecer e mediar nas concentracións parcelarias voluntarias, así como fomentar o asentamento de empresas do sector.
Os populares din que tamén teñen que ser obxectivos da comisión que propoñen o impulso de bonificacións nos impostos locais das empresas con actividade agrogandeira, a mediación e apoio do sector ante organismo públicos e impulsar a creación e promoción dunha plataforma de venta de produtos da Fonsagrada a través do comercio electrónico para evitar intermediarios. José Luís Regueiro destaca que é preciso que o Goberno central estableza as medidas precisas para facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria.