O PP de Becerreá amosou a súa sorpresa e indignación ante as palabras da Deputación de Lugo en relación á residencia de Becerreá e anunciou que “reivindicamos a súa apertura”.
Fan así referencia ás declaracións do ente provincial, que compartiu que a de Becerreá non se axusta ao modelo de residencias provinciais.
Para o portavoz popular, José Fernández Carrete, “a residencia de maiores é moi importante tanto para Becerreá como para o resto da comarca: en primeiro lugar polo fin asistencial, algo moi necesario para os nosos maiores que necesitan e teñen dereito a el, e en segundo lugar, como elemento dinamizador da zona”.
Carrete subliñou que “resúltame difícil entender que se manteña esta infraestrutura pechada” e instou á Deputación Provincial a facer as xestións precisas para proceder á apertura deste centro de atención a maiores de carácter comarcal porque “os cidadáns non teñen por que pagar as consecuencias dos cambios de criterio por parte do goberno provincial”.