O Grupo Municipal Popular burelés considera que “o mandato de Alfredo Llano á fronte do Concello estase a converter nun desgoberno absoluto”, tal e como demostra, segundo precisan, a proposta de cobrarlles ás farmacias polas fiestras dispensadoras de medicamentos cara a rúa. Os populares aseguran que este acordo é “cando menos, irregular e mesmo podería ser constitutivo de prevaricación, xa que a ordenanza empregada, a fiscal municipal nº 7, nin no seu artigo 6.2, e nin antes nin despois, fai mención nin explícita nin implícita a tal instalación”.
Neste senso indícase que as instalacións suxeitas a tributación son aparatos de pesaxe, venda automática, fotografía ou similares, e caixeiros automáticos. Ante isto, dende o Grupo Municipal do PP precisan que “as fiestras das farmacias nin son máquinas de ‘vending’, nin fotomatóns, nin caixeiros, nin son automáticos. Son un servizo público”.
Os populares advirten ao alcalde e aos membros da Xunta de Goberno, integrada por concelleiros socialistas, que “deberían estudiar con máis rigor os asuntos que levan á Xunta de Goberno antes da adopción de acordos sobre os mesmos, para non cometer erros como o que están a facer co asunto das farmacias”. Deste xeito, dende o Grupo Municipal Popular matizan que “quen decide a orde do día das sesións da Xunta de Goberno e os asuntos que nelas se inclúen é o alcalde, polo que non cabe que agoche a súa responsabilidade”.
Os populares informan que segundo á acta da Xunta de Goberno do pasado dezaoito de abril, este órgano colexiado atende un informe emitido por dous membros da Policía Local e adopta o acordo de facer unha liquidación por ocupación de vía pública segundo a ordenanza fiscal municipal nº 7. “Sorprende que se atenda un informe da Policía Local e non se faga constancia de ningún outro informe dos servicios técnicos municipais, polo que entendemos que o alcalde e os seus concelleiros nin o solicitaron”, consideran.
Para o Grupo Municipal Popular de Burela resulta “sospeitoso que fose só en 2009 e agora, de novo, cando se intenta aplicar esta ordenanza ás farmacias. Nótase que o alcalde ten un estraño afán recadador, e vai contra o que el debe considerar monopolios da saúde, na súa intención de cambiar a sanidade pública neste país”. Por último, os populares censuran que se o alcalde xa “destacou coa xestión de Arcadio Pardiñas, agora, de novo, estase a lucir, pero, lamentablemente, provocando que Burela co seu Goberno pase de ser Bonita a ser un desastre con maiúsculas”.