O PP de Guitiriz acusa á alcaldesa de prepotencia

Os populares guitiricenses critican que “as dúas rúas de saída dende o núcleo urbano de Guitiriz cara á A-6 se atopen cortadas ao tráfico cando máis xente visita a localidade”. Esta situación que, segundo o voceiro municipal, José María Teixido, se debe “á prepotencia da alcaldesa” está a xerar malestar entre os veciños.

Teixido explica que “a céntrica rúa do Mercado permanece pechada con motivo da instalación dunha exposición que repasa os 20 anos do Fondo Galego de Cooperación ao que o Concello está adherido”; mentres que “a rúa Terra Chá conta co carril de saída da localidade cortado ante a presenza dunha plataforma elevadora instalada para o arranxo da fachada dun edificio”.

O voceiro popular lamenta que “non se teña instalado a exposición noutro emprazamento” e que “sexa precisamente agora durante o verán cando o Concello outorgue o permiso para a obra na fachada do edificio da rúa Terra Chá onde a plataforma elevadora leva parada dende o mes de xaneiro”.

O líder da oposición, asegura que “esta situación de malestar que nos trasladan os veciños se debe á actitude da rexedora”. O voceiro popular do municipio cre que “a forma da alcaldesa de xestionar o Concello é atendendo ás súas ideas e a súa prepotencia” en lugar de “buscar solucións prácticas para os veciños e veciñas” que, para Teixido, caracterizarían a “un bo goberno”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com