O PP de Lugo acusa á alcaldesa Lara Méndez de “desprezar” o investimento de catro millóns de euros en infraestruturas educativas da cidade anunciado pola Xunta de Galicia, despois de que a rexedora o cualificase onte de “electoralista”.
Para o voceiro dos populares, Jaime Castiñeira, “o goberno socialista pretende ocultar a súa falta de xestión e a súa neglixencia xogando ao victimismo”.
Castiñeira lamenta que Méndez tache de electoralistas uns investimentos “que son reais” e engade que “se trata de 26 actuacións concretas en 12 centros educativos da cidade”. A este respecto, o voceiro popular pediu aos socialistas “que se poñan as pilas e que fagan todo o posible para que estes investimentos sexan unha realidade”.