O PP de Lugo considera “unha irresponsabilidade” que Lugo sexa a única das sete grandes cidades galegas que aínda non se sumou ao programa de protección ás vítimas de violencia de xénero promovido polo Ministerio do Interior no ano 2017.
A popular Aurora Goás compartiu unha publicación das redes sociais da alcaldía de marzo de 2021 na que o goberno local anunciaba que estaba preparando a súa adhesión a este protocolo dando a entender que “era unha tramitación que estaba xa practicamente feita”.
Goás anunciou ademais que no vindeiro pleno defenderá un rogo co que pedirá explicacións dos motivos do retraso e que se dea un prazo definitivo para que Lugo se incorpore ao VioGén.