O Partido Popular de Lugo destaca en Portomarín a aposta de Feijóo polo Camiño de Santiago como elemento dinamizador dos concellos polos que pasa. Así o puxo en valor este luns o candidato ao Parlamento de Galicia, Javier Vázquez Prado, acompañado do alcalde de Portomarín, Juan Serrano, durante unha visita ao mercado da localidade e onde repartiron o xornal Galicia, Galicia, Galicia…Galicia elaborado polo PPdeG para achegar aos galegos a figura do candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Os populares subliñaron deste xeito a “importancia e a necesidade” da continuidade de Feijóo como máximo mandatario do Goberno de Galicia para que “se cumpra a previsión de que este ano quede rematada a sinalización de todos os itinerarios xacobeos e se siga a potenciar este recurso patrimonial que está a ser clave para o turismo e a economía provincial e galega”.
A este proxecto a administración autonómica destina 12 millóns de euros este ano, dos que o Camiño de Inverno recibe un total de 3 millóns de euros para actuar en 175 quilómetros de 13 municipios. Dende 2015 sinalizáronse 1.650 quilómetros con máis de 5.500 sinais en 126 concellos das catro provincias. Concretamente, no Camiño Francés estes traballos están completados. O investimento foi de 750.000 euros e colocáronse 840 sinais en 194 quilómetros de 12 concellos. No resto de vías xacobeas, as cifras son as seguintes: 1,1 e 1,7 millóns de euros na instalación de sinais nos Camiños Primitivo -665 sinais en 132 quilómetros de 7 concellos- e no Camiño do Norte -1.226 sinais en 274 quilómetros de 12 concellos-, respectivamente.
A sinalización do Camiño de Santiago é unha das iniciativas nas que traballa a Xunta para preparar o Xacobeo 2021, como o Plan de mantemento cun orzamento de 15,6 millóns de euros, o Plan de albergues que conta con 7 millóns de euros para crear 8 novos establecementos ou as axudas aprobadas a semana pasada do Plan de Embelecemento para acometer un cento de actuacións de mellora paisaxística.