Ameijide pide reforzar a brigada de augas que “só conta con 6 operarios”. O deputado do PP explicou que fortalecer este servizo é fundamental xa que sería moito máis económico que externalizalo. Segundo o PP, custa 120.000 euros anuais fronte aos 40.00€ que custaba no seu día o reforzo das gardas con persoal municipal, “o que garantiría unha mellor solución aos problemas ao ser o persoal que mellor coñece a solución aos problemas que xorden no día a día”.
O popular afirma que a empresa que se contratou hai tres anos está a operar xa sen contrato, dende o 16 de outubro, confirmando “o descontrol instalado na contratación municipal polo bigoberno local e sen que informen do que pensan facer con este contrato nin coa brigada municipal”.
Ameijide pide “repensar e analizar” o funcionamento da empresa privada e “apostar polo modelo público” xa que “ademáis de ser mellor e máis operativo é 3 veces máis barato” que unha empresa contratada para dar resposta aos problemas que xorden pola noite, fin de semana e festivos, “pero que, á hora da verdade, case sempre é a brigada municipal a que ten que solucionar as incidencias ao ser o persoal que mellor coñece a situación real da rede de abastecemento municipal, que consta duns 500 quilómetros de tubarías”.
Tamén denuncian o “constante desmantelamento da brigada municipal de augas que, na actualidade, está formada por un encargado e 6 operarios (estando agora un de baixa) e dous deles moi próximos á xubilación, un deles o propio encargado, sen que dende o goberno local teñan previsto a reposición da prazas”.
O concelleiro popular explica que defenderán o reforzo inmediato da brigada de augas xa que “non é lóxico o sistema de PSOE e BNG de privatizar constantemente os servizos municipais en lugar de reforzalos”.