O PP de Muras denuncia que adiar a Feira do Mel da Montaña é “unha tomadura de pelo aos produtores” e defenden que no concello hai outros lugares onde se pode celebrar a feira “á vista de que as obras de rehabilitación da praza do Viveiró non estarán rematadas para o 19 de novembro”.
Dende o PP subliñan a “falta de previsión” xa que “as obras se deberían ter programado para outra época do ano e non para o outono ou o inverno”.
Tamén condenan que “o goberno local non apreciase ata agora os prexuízos que causan as obras na praza do Viveiró no día a día” e lembraron “as queixas dos veciños pola parada do autobús, pola falta de acondicionamento dos accesos provisionais á praza e polo rodeo de varios quilómetros que hai que facer por estar pechada a estrada do Viveiró”.