O Voceiro do PSOE en Palas de Rei, Horacio Rouco, avanzou este venres que o PP votou en contra da moción socialista, defendida onte no Pleno, coa que reclamaban a reposición dun médico de familia no centro de saúde da vila.
Rouco lembra que a través desta proposta demandaban ao Concello de Palas de Rei, que solicitara á xerencia do HULA á reposición desta praza, e ao mesmo tempo esixían á Conselleira de Sanidade que non recorte recursos sanitarios na atención primaria en Palas de Rei, e nesa liña que de ás ordes oportunas para repoñer e cubrir esta praza de médico de familia coa contratación dun profesional.
Así as cousas en Palas de Rei o 50% da poboación ten máis 65 anos, unha poboación envellecida, moi dispersa, dependente con moitas pluripatoloxias, que cada dia precisa mais atención sanitaria. O cupo sanitario do médico que se desprazou a outro concello, rotase dentro do propio centro médico, algo que vai en detrimento da sanidade, e notase no aumento progresivo das urxencias.
O portavoz socialista acusa ao PP “de desmantelar os centros de saúde da provincia. En Palas de Rei sufrimos en primeira persoa o abandono de Feijóo e do PP xa que non se cobren as prazas, e o PP negase a apoiar estas iniciativas
que contribúen a mellorar a nosa calidade de vida”, dixo.
Así as cousas remarcou “a boa calidade profesional e humana de todos os profesionais sanitarios do centro de saúde de Palas de Rei. Sabemos que contamos con bos profesionais pero non podemos permitir seguir perdendo servizos sanitarios na nosa vila”.