Grupo Municipal do PP de Sarria acusa á alcaldesa, a socialista Pilar López, de darlle as costas aos intereses dos veciños e defender os intereses particulares ao triplicar o valor da Fortaleza ata alcanzar un millón de euros, pese a existir informes municipais que a contradín e fixan o seu prezo nos 328.000 euros.
Os populares consideran estas afirmacións da rexedora “o seu último despropósito”, un xesto inaudito que deixa en evidencia os seus verdadeiros intereses, como xa ten acontecido noutras ocasións, como cando quería multiplicar o prezo que se pagaba polo aluguer dunha nave.
Coas súas declaracións a socialista bota por terra todo o traballo feito ata o de agora polo anterior equipo de Goberno e rompe as negociacións e a posibilidade de adquirir o monumento. “Trátase dunha imprudencia que alonxa ao pobo de Sarria de poder contar coa Fortaleza como un ben público”, precisan.
Os populares lembran que existe unha taxación municipal, elaborada por tres técnicos, que fixa o prezo da torre en 328.000 euros, polo que lle piden ao Goberno local que aclare os intereses que ten para triplicar esta cantidade e poñerse do lado dos intereses particulares dos propietarios, cando eles mesmos a puxeron á venda a través dunha inmobiliaria por 400.000 euros, sen que chegaran a atopar comprador.
Incapacitada para defender os intereses de Sarria
Con esta nova “maniobra escura” da rexedora os populares consideran que queda á vista que “non está capacitada para defender os intereses de Sarria, polo que debera explicar de que lado está”.
O Grupo Municipal do PP anuncia que vai pedir hoxe mesmo, tal e como anunciou no Pleno, unha certificación urbanística ao Concello para tratar de aclarar cales son as intencións da alcaldesa.
O PP acusa á rexedora de paralizar unha expropiación para a que había diñeiro e agora ten a desvergoña de saír dicindo que vale o triplo, poñéndose en contra dos intereses públicos de Sarria. “Agora si que consegue que non se poida comprar”, lamentan os populares.
Queda acreditado, engaden, que a alcaldesa minte, posto que nas sesións plenarias ten dito que estaba negociando cos propietarios e non só fixo que esas negociacións fracasaran, senón que se puxo do lado dos intereses particulares e en contra do criterio unánime do Pleno.
Os populares aseguran que dan por morta a negociación porque “non imos permitir que sexa ela quen decida ofrecer un prezo tres veces superior ao fixado nas valoracións dos técnicos. Será ela quen ten que aclarar por qué cando din que vale 328.000 euros, ela ofrece un millón de euros”, indican.
O BNG corresponsable do desgoberno de Sarria
Os populares acusan tamén ao BNG de ser cómplice e corresponsable do desgoberno que vive Sarria. Tras non aprobarse a súa moción sobre patrimonio público, o mesmo que aconteceu na Deputación de Lugo, fan aos nacionalistas partícipes dun Goberno sumado no despropósito que paralizou unha expropiación que tiña un xustiprezo fixado polos técnicos en 328.000 euros e deixaron que caducara o procedemento. “O que pasa en Sarria co Goberno e co BNG é algo inaudito”, resumen desde o PP.