O PP de Sarria nomea a Carmen José López candidata á alcaldía

O Comité Executivo do PP de Sarria acordou por unanimidade na reunión deste sábado designar candidata á alcaldía nas próximas eleccións municipais a Carmen José López Rodríguez.

A alcaldable popular asegura que “me fai gran ilusión este proxecto que ten como obxectivo devolver o esplendor e o seu lugar no mundo á nosa excepcional terra”. Carmen José López leva media vida vencellada ao asociacionismo, dentro do ámbito empresarial e, sobre todo, do emprendemento, “con ánimo de cambiar as cousas”. Agora da o paso de entrar en política tras acumular experiencia profesional que lle permitiu “coñecer a administración local porque estiven traballando  directamente con Concellos. Son construtiva e veño para aportar”, manifesta.

Carmen José López cre que “Sarria está sedenta de ilusión” e cre que “temos que mirar para o futuro e non centrarse en loitas de egos que enchen de enfrontamentos a situación política da nosa vila”.

A alcaldable popular considera que “hai que poñer en valor o noso territorio que é rico e excepcional para devolver o esplendor. A vila industrial de Sarria conta con xente emprendedora, cun rural con posibilidades e cunha situación xeográfica estupenda”.

A dirección provincial traslada o seu apoio á decisión do comité executivo local e aplaude a incorporación ao proxecto do Partido Popular “dunha muller nova en política, con iniciativa, con ideas claras e con ganas de traballar por Sarria”. En definitiva, “agradecémoslle a súa disposición para encabezar a alternativa de goberno que cremos que precisa Sarria”.

CURRÍCULO DE CARMEN JOSÉ LÓPEZ

A avogada con despacho en Santiago e Lugo moi vencellada ao ámbito empresarial, é asesora xurídica do Eixo Atlántico          -que xestiona a solicitude de fondos europeos para os Concellos asociados entre o que se atopa o de Sarria- e vocal para a provincia de Lugo da Asociación Galega de Autónomos e Pequenas Empresas. Conta tamén con experiencia institucional como secretaria xeral de Aje Lugo entre 2009 e 2016, presidenta de Aje Galicia entre 2014 e 2017 e membro da xunta directiva da CEG.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com