O PP de Sarria pide ao goberno municipal que esixa a Adif a mellora das pistas e accesos afectados polas obras

O PP de Sarria pedirá Concello no vindeiro pleno que inste a Adif para que mellore as pistas e accesos no entorno das vías do tren ao longo do seu trazado no termo municipal de Sarria, onde se están a levar a cabo obras de renovación e electrificación.

Os populares esixen unha solución ante as queixas de “moitos veciños que nos trasladan o seu malestar polo estado das estradas ou pistas que soportan diariamente o paso de numerosas máquinas e vehículos vinculados a estas obras”.

Dende o Grupo Municipal Popular explican tamén que “a Ponte do Mazadoiro está nun estado lamentable: a parte antiga estase a deteriorar de forma importante e a parte recentemente reformada enchárcase facilmente porque o firme non é homoxéneo”.

Igualmente, nomean a situación no barrio da estación en Oural que “queda sen un acceso en condicións á propia estación e ás vivendas do entorno porque a estreiteza das vías non permiten o cruce de dous vehículos nin o acceso axeitado de camións nin ás vivendas nin á estación”.

Por iso lle piden ao goberno municipal que busque a fórmula e inste a Adif para garantir a mellora do firme en estradas e accesos aos núcleos de poboación próximos á vía afectados polas obras; a mellora da ponte do Mazadoiro cun firme novo e homoxéneo para toda a ponte; e a construción dun acceso amplo para a estación de Oural e as vivendas da zona “para que non queden illadas”.

Ademais, tamén esixen a mellora do entorno da estación de Sarria ordenando e renovando toda a fronte da estación desde a ponte do Mazadoiro ata a Feculera, “xa que esta é unha das estacións que ten máis tráfico de viaxeiros na provincia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com