José Antonio García

O PP de Sarria pide a dimisión de alcaldesa pola súa incapacidade para gobernar

O Grupo Municipal do PP de Sarria pide a dimisión da alcaldesa socialista pola súa incapacidade para gobernar e a súa nefasta xestións, tras saberse que o Goberno local deixa de pagarlle aos empregados públicos e a provedores, o único Concello en España que toma esta determinación por non contar cunha praza de tesoureiro.

Os populares denuncian que a rexedora “debe abandonar o posto” despois de ter incumprido dous anos “de forma sistemática” os acordos do Pleno e as súas obrigas legais.

Explican os populares que é “vía Orzamentos onde se debe crear a praza de tesoureiro habilitado nacional, un praza da que non se dotou o Concello e que agora leva a suspender pagamentos, o único Concello de Galicia e de España nesta situación”.

Desde o PP recordan que o Goberno local do “PSOE presentou no mes de maio pasado unha proposta ilegal e impediu así sacar adiante unha praza que non estaba nos Presupostos de Sarria. En xuño a alcaldesa pretendeu facer unha modificación extraxudicial de crédito por decreto, pero o PP demandou que se fixera a través da aprobación dos Presupostos, tal e como marca a Lei”.

“Non ter Presupostos prexudica a Sarria, pero a alcaldesa dálle exactamente o mesmo e desde xullo non fixo absolutamente nada, pese a que as dúas propostas anteriores eran inaceptables e non cumprían coa normativa”, precisan.

O Grupo Municipal Popular indica que “a inexistencia de Presupostos mantén á localidade paralizada, ao tempo que impediu que se creara a praza de tesoureiro, un novo incumprimento da alcaldesa despois de comprometerse a iniciar o ano 2017 cun Presupostos aprobado”.

“Non é que non poidamos aprobalo, é que nin tan sequera presentou un borrador de Orzamentos, impedindo así que se negocien ou se analicen”, engaden. Desde o mes de xullo e ata finais de ano o Goberno local non levou a cabo unha soa xestión para solucionar esta situación, o que provoca que Sarria sexa o único Concello de España que suspende os pagamentos.

Os populares sosteñen que á alcaldesa “dálle todo igual, deixou pasar o tempo sen mover un papel, o que demostra que non só non lle preocupan os empregados públicos, nin os provedores, senón que se ri de Sarria e todos os veciños e veciñas. Ademais, mentres os concellos que se atopan na mesma situación, aqueles de máis de 5.000 habitantes, tratan de resolver o problema de forma conxunta, a rexedora do PSOE decidiu desmarcarse dos seus homólogos anunciando o 10 de xaneiro que non vai facer os pagamentos correspondentes nin a funcionarios nin a provedores”.

O PP velará porque se resolva o antes posible

Ante o despropósito que afecta ao Concello de Sarria, derivado dun Goberno á deriva, os populares destacan que o máis importante é velar polos intereses dos empregados públicos e dos provedores, polo que aseguran que “faremos o que estea na nosa man” para solucionar esta situación o antes posible.

“Sabemos que son problemas que crea a alcaldesa coa súa incapacidade de Gobernar, pero non imos escatimar en esforzos para que os afectados reciban os seus pagamentos”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com