O PP de Vilalba lamenta “o prexuízo” para as familias de que o Goberno non poña en marcha o servizo Madrugadores

Os populares de Vilalba lamentan “o prexuízo que lles causan ás familias que o goberno local non sexa capaz de poñer en marcha o servizo Madrugadores, un recurso fundamental para a conciliación, a poucos días de iniciar o curso escolar 2021/2022”.

As familias dos nenos e nenas vilalbeses descoñecen se, finalmente, o Concello porá en marcha este recurso de apoio á conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais con fillos en idade escolar; despois de que o goberno local anunciara a finais de xullo que xestionaría o servizo este curso que se prestaría nos propios colexios.

“É vergoñento que as familias teñan que buscar, á última hora e ás présas, outros recursos para compaxinar o seu horario de traballo co horario dos centros escolares vilalbeses a onde acoden os seus fillos e fillas”, manifestan.

Ademais, indican dende o PP de Vilalba que “o noso Concello se atopa dende o sábado en nivel alto polo que as ludotecas están pechadas e os pais e nais que facían uso deste servizo para conciliar non poden dispoñer deste tipo de recurso”.

“Cando o Concello debe ser unha administración que favoreza a prestación de servizos aos veciños e veciñas; este goberno convérteo nunha fonte de problemas para as familias. Os vilalbeses e vilalbesas estanse acostumando á incerteza xerada pola falta de eficiencia do goberno socialista porque, lamentablemente, esta situación non é nova”, manifestan.

Os populares apuntan que “este é un goberno incompetente que ten problemas constantemente para prestar servizos no noso municipio”. É o caso da limpeza dos centros escolares ou da recollida do lixo. A estes exemplos hai que engadir tamén que “os sectores máis afectados pola crise da covid-19 continúan agardando polo plan de axudas municipal aprobado no pleno do mes xaneiro e reclamado pola oposición nun pleno extraordinario celebrado no mes de abril”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com