O PP de Xermade cre que o goberno local paraliza a tramitación da aprobación definitiva do PXOM

O Grupo Municipal do Partido Popular de Xermade preguntará ao goberno local no vindeiro pleno se ten previsto realizar os traballos necesarios para a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), entre outros asuntos de interese municipal coma a titularidade das escolas das parroquias ou a reposición da legalidade con respecto a unhas obras na parroquia de Cazás. Tamén preguntarán se o goberno local informou á empresa concesionaria do mantemento do alumeado público do fallo xerado no núcleo de A Criba, en Roupar, trala instalación do alumeado de Nadal contratado a outra empresa.

O voceiro popular, Antonio Riveira, explica que o PXOM foi aprobado inicialmente no 2015 co voto a favor do grupo de goberno actual; pero, cinco anos despois, non se teñen noticias de avances. Riveira lamenta, neste sentido, que “a este paso o documento que se aprobou inicialmente non vale para nada, haberá que facer todo de novo”. O popular critica que “cando se lle pregunta, a escueta resposta do alcalde refírese a que a Confederación Hidrográfico do Miño-Sil esixe que estean legalizadas todas as traídas particulares do municipio”. Esta parece, máis ben, segundo indica o popular “unha escusa para seguir paralizando a tramitación dun documento actualizado sobre planeamento porque, se ben pode ser recomendable ou aconsellable, non pode ser un impedimento para tramitar a súa aprobación”. Nese sentido, preguntará cales son concretamente as condicións requiridas polo organismo de conca, se o goberno local ten intención de comunicar aos veciños a necesidade de legalización das traídas e se ten previsión de traballos para acometer a aprobación definitiva do PXOM.

Escolas e edificios veciñais
Riveira subliña o interese do alcalde cando estaba na oposición en que se recoñecera o dereito de propiedade sobre a escola do Pazo en Lousada para a asociación El Progreso de Lousada cando o edificio figuraba no inventario municipal. E, polo tanto, pregúntalle se empregará o mesmo criterio para recoñecer a titularidade veciñal dos das escolas da Casavella e Calvario, en Cazás, e Os Cruceiros en Burgás construídas coas aportacións dos veciños e doutros na emigración, pero que figuran no rexistro catastral a nome do Concello.

Os populares interésanse polos pasos a dar dende o Concello en relación a este asunto e se pensa exercer o seu dereito a inventarialos como inmobles municipais, se o goberno local ten previsto emitir informe sobre esa titularidade e se contará co acordo dos veciños afectados. O campo de Santo Estebo, en Roupar, é propiedade da asociación de veciños e, polo tanto, dende o Grupo Municipal do PP queren coñecer as condicións do convenio subscrito para facer un parque infantil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com