O PP demandarán a nivel provincial, local e nacional que Sánchez garanta os empregos de Alcoa

O candidato do PP por Lugo ao Congreso, Jaime de Olano, e o senador e membro da Deputación Permanente, José Manuel Barreiro denunciaron hoxe “a profunda desidia” do Goberno Central para impulsar un Estatuto do Consumidor Electrointensivo que garanta os 2.000 postos de traballos directos e indirectos que dependen de Alcoa, así como o mantemento da mesma. Os populares póñense así de lado dos traballadores; e anuncian que, o vindeiro martes, día 26, ás 11:00 horas, o propio Olano recibirá no Congreso ao Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao e, o día 28, aos representantes deste órgano en Avilés e A Coruña.

Dende o PP, esixen ao Goberno que rectifique, para garantir o emprego e a supervivencia desta empresa, que “é un dos motores económicos da Mariña”.  Por este motivo, a presidenta provincial, Elena Candia, tamén trasladou que, ademais de na Deputación, a agrupación presentará mocións en todos os Concellos da Mariña, xa que, grazas a esta empresa, son moitas as familias que subsisten cada día.

“Cremos que o Partido Socialista ten unha oportunidade extraordinaria para rectificar pois, do contrario, o castigo á Mariña sería irremediable e só tería un culpable: o Goberno do Señor Sánchez, coa complicidade do PSdeG en Lugo e en Galicia”, defendeu Olano.

A actuación do Executivo do PSOE, din os populares, “fai saltar todas as alarmas”, pois o regulamento que pretende aplicar non dá unha resposta integral ás necesidades destas empresas. Tal é así que non establece un marco estable e competitivo que permita determinar un prezo que poña en igualdade de condicións ás empresas españolas coas de Europa.

Diante esta “crítica e alarmante” situación, os populares adiantaron que pedirán nas respectivas Cámaras que se teñan en conta as alegacións presentadas tanto pola factoría como pola Xunta de Galicia. Trátase, en definitiva, que, dende os Ministerios implicados, se impulsen medidas fiscais e lexislativas como as que están a aplicar outros países da Unión Europea. É o caso de Alemaña ou Francia e que inclúan rebaixas sobre os peaxes, garantías sobre os mecanismos de compensación de CO 2 e compensacións ante o custo enerxético destas empresas.

A solución pasa, segundo defenderon por unha política que reduza custos e favorecer interconexións eléctricas co resto de Europa e pola introdución no orzamento de partidas presupostarias, tal e como fixo o PP, que incorporou nas contas públicas do pasado ano 150 millóns de euros.

“Dende a moción de censura non se fixo nada. O que temos é unha absoluta pasividade ante a suba do prezo da enerxía a medio e a longo prazo. Nin tan sequera executaron as partidas previstas. Cremos, por tanto, que o PSOE non pode dar así as costas aos traballadores e á economía das 6.000 familias que dependen desta fábrica”, remarcaron.

A este respecto, e en clave máis autonómica, o candidato ao Congreso engadiu que “o señor Sánchez non só pon en risco o futuro desta comarca e os 70.000 veciños, senón que, coa política enerxética e industrial que levou a cabo durante estes nove meses, puxo en perigo a continuidade de Alcoa en Lugo e A Coruña, ENCE en Pontevedra, PSA en Vigo e FerrolAtlántica”. A este respecto, para o popular, “a conclusión máis evidente é que a Galicia lle vai mal, moi mal co señor Sánchez na Moncloa”. A mellor proba disto, sinalou, é que no Presuposto “xa lle intentou quitar 63 euros a cada galego para darllos a outras Comunidades máis ricas que a nosa”.

Losada insta á Xunta a buscar solucións

Neste mesmo eido, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, instou hoxe á Xunta a convocar a mesa sectorial galega para sumarse ao traballo de busca de solucións para as empresas que, como Alcoa, teñen grandes consumos eléctricos. Losada entende que o Goberno galego debe imitar ao do Principado de Asturias, que xa traballa co sector para mellorar a situación de incertidume actual e atallar así o Estatuto de Consumidores Electrointensivos cando se aprobe de xeito definitivo.

“Volvo mandar unha mensaxe de tranquilidade. É necesario seguir traballando con tranquilidade e serenidade. Todos xuntos polo mesmo obxectivo, que non é outro que achegar unha solución para Alcoa e outras empresas en situación de incerteza e ao mesmo tempo dotarnos dunha ferramenta que evite que isto volva ocorrer e ofreza garantías de futuro”, detallou en resposta a unha pregunta dos xornalistas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com