O PP demostra que o treito sen asfaltar da Rúa Mestre Méndez “é público”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explicou esta mañá que o seu grupo vén de entregar no servizo municipal de enxeñería a documentación que acredita que o treito que deixaron sen asfaltar da rúa Mestre Méndez “é público” a pesar de que os socialistas aseguran que é privado. Segundo o popular hai outras actuacións que deixan constancia de que a vía é pública, como son as concesións de diferentes licenzas dende o ano 1991.

Ameijide explica que na xunta de goberno do 19 de novembro do ano 1991 se aprobou unha licenza de obra, que se expediu o 2 de decembro do mesmo ano, para este treito de rúa. Tamén se concedeu un certificado final de dirección de obra, expedido o 17 de febreiro do ano 2006, e unha licenza de primeira utilización o 29 de maio do mesmo ano.

Ante estes argumentos, Antonio Ameijide non entende o xeito de actuar do goberno socialista de Lugo, dando “as costas” aos veciños e “sen cumprir” coas súas obrigas. Ademais, o voceiro popular lamenta “a nula actuación e falta total de palabra” do equipo de goberno, xa que, recorda o popular, que hai un mes que “fixemos pública esta denuncia” polo que “presentamos” un rogo en comisión para advertir da situación ao equipo de goberno, comisión na que o concelleiro de infraestruturas asegurou que “revisaría” a situación pero, á vista dos acontecementos, “se demostra que non fixo nada”.

Ameijide recorda que nas vivendas afectadas “hai familias con nenos pequenos e persoas maiores” que notan o desgaste producido nos últimos anos no asfalto e, agora, “os socialistas non poden desentenderse destes cidadáns cando antes lles deron servizos públicos”. Ademais, o voceiro popular engade que “o custe de pavimentar o treito que queda sen asfaltar é totalmente asumible”.

Segundo o popular, a rexedora segue a demostrar un descoñecemento absoluto da cidade e que toma as decisións por impulsos porque do contrario “é inexplicable” que non asfalten un treito de rúa no que os veciños teñen “todos os servizos municipais” (alumeado público, saneamento e abastecemento).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com