O PP denuncia a “parálise” da Deputación e o “desleixo” ante actuacións xa comprometidas

O Grupo Provincial do PP denuncia a “parálise” da Deputación de Lugo e o “desleixo” do Goberno que dirixe Darío Campos ante actuacións xa comprometidas e “irrenunciables” para a provincia. Desde o PP, lamentan que os socialistas estean a destinar recursos e anuncien actuacións que non se executan ou se levan a cabo de xeito deficiente.

En concreto, os populares critican o abandono do miradoiro ‘Os Paredones’ de Mondoñedo e o retraso na licitación e inicio das obras da residencia de maiores do Courel.

En canto o miradoiro, os populares lamentan que despois do investimento realizado polo Goberno Provincial nesta infraestrutura, tras destinar 240.000 euros dunha acción formativa, non sexan capaces nin de protexer o tellado. Tanto é así, que, segundo os populares, a intervención que se fixo no interior do inmoble estase a ver prexudicada porque non hai cuberta e chove dentro. Actualmente, tal e como explica a voceira do Grupo Provincial do PP e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, a cuberta está tapada cunhas lonas o que favorece a entrada da auga e o conseguinte deterioro das obras feitas no interior do recinto.

No tocante a residencia de maiores do Courel, o pasado mes de agosto o presidente da Deputación e a alcaldesa da localidade, Lola Castro, asinaron un convenio para dotar dunha residencia da terceira idade e un centro de día ao Concello con capacidade para 52 usuarios. As instalacións serán emprazadas nun edificio que será construído no espazo ocupado polo antigo colexio de Folgoso, que previamente ten que ser demolido.

Os populares denuncian o retraso nestas obras, despois de que en agosto deste ano o presidente se comprometera con iniciar eses traballos no mes de setembro. Ante numerosos veciños, Campos Conde avanzou na visita O Courel que a licitación se faría en setembro e as obras darían comezo no último trimestre do ano. Sen embargo, desde aquel día non houbo avance algún na actuación, de maneira que a demolición segue sen levarse a cabo acumulando xa un retraso que os populares cualifican de “notable” con respecto á data anunciada polo socialista.

O Grupo Provincial do PP lembra que esta intervención supón saldar unha débeda histórica co Concello de Folgoso do Courel e urxen á Deputación a que mova ficha e licite “canto antes” as obras de construción do novo centro, posto que o Concello xa tiña realizado no mes de agosto, cando se asinou o convenio, os trámites que lle correspondían. O Concello, ademais de poñer á disposición do organismo provincial os terreos, concede a licenza de obra e colabora cunha axuda económica de 200.000 euros, que non terá que achegar ata o vindeiro ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com