O PP denuncia o atraso na concesión do 90% das licenzas de obra no rural

O Partido Popular no Concello de Lugo volveu hoxe denunciar o atraso, por parte do Goberno local, na concesión dunha gran maioría das licenzas de obra que se solicitan dende o rural. Os populares amosáronse esta mañá “moi preocupados” por esta situación de parálise na resolución de expedientes de licenzas xa que, segundo explican, os datos dos expedientes do primeiro semestre do ano revelan que a resolución media deste tipo de solicitudes se sitúa nos 611 días.

O edil popular Manuel López insistía esta mañá na urxencia de “axilizar e desbloquear” estes expedientes, en lugar, dixo, “de seguir a mantelo nunha situación de bloqueo, perpetuando no tempo os trámites”; unha situación que, segundo o popular, propicia que moitos dos solicitantes “desistan na súa petición ou mesmo rematen noutros concellos”.

Os populares aseguran ademáis que o 90% das licenzas que o Concello de Lugo concede no rural exceden o prazo legal de resolución, situado en 90 días. Tan só, insisten, o 32% das licenzas concedéronse en menos dun ano, e o 28% delas tiveron entre un ano e dous de agarda. Por último, outro 30% das licenzas xa dadas resolvéronse logo de máis de dous anos de agarda.

Para o concelleiro popular “non ten sentido” a liña que están a seguir dende o goberno local e pregúntalles que pensan facer para asentar poboación no rural, xa que as peticións para construír unha vivenda nas parroquias tardan en resolverse unha media de 700 días. “Hai casos nos que tardaron case seis anos en responder a una solicitude de licenza, é así como pensan asentar poboación no rural?”, pregunta.

Así, o popular esixe ao Goberno de Lugo que reforce os servizos que interveñen na concesión de licenzas, “xa que o persoal que está a realizar todo este traballo está desbordado e, pese a iso, realizan o seu traballo do mellor xeito posible, tentando minimizar os prazos”.

No que se refire ás solicitudes de licenza para a construción de alpendres, naves ou outras infraestruturas a realidade non é moito mellor xa que a media en resolver sitúase nos 616 días. “Queda claro que algo hai que cambiar porque a situación non pode seguir así, xa que se está a poñer trabas á iniciativa empresarial no rural”, lamenta.

Pendentes do PXOM

Outro aspecto que afecta á política urbanística no rural é o 5% do PXOM que está pendente de aprobar e que afecta a un total de 160 núcleos  “onde non é posible solicitar licenzas”. “Estamos a falar de 24 anos para facer este trámite que nos leva custado 750.000 euros”, sentenciou.


Imaxe de arquivo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com