O 40% dos locais do casco histórico e das principais rúas comerciais de Lugo poderían verse abocados ao peche trala crise provocada pola pandemia. Así o informaba esta mañá o Partido Popular de Lugo tras un chequeo realizado por ediles da súa agrupación. Segundo infromaron os populares a rúa San Fernando xa sufriu o peche do 83% dos locais comerciais da zona. Tamén a rúa Bolaño Rivadeneyra, a do Teatro ou a rúa Noreas contan xa co 50% dos comercios pechados.
Diante destes datos os populares piden ao Goberno local que redobre os esforzos e, nesa liña, o voceiro da agrupación Ramón Carballo e o vicevoceiro Antonio Ameijide presentaban hoxe un decálogo de medidas de apoio ao comercio e á hostalaría local. Entre estas medidas apostan por un Plan de Recuperación estética, Axudas ao aluguer ou manteñmento de negocios ou a aplicación de exencións ou bonificacións nos recibos de auga e lixo para negocios que rexistren unha baixada de ingresos.
As dez medidas
- Impulsar un Plan de recuperación estética en zonas onde haxa unha maior concentración de locais baleiros do municipio e que, nalgúns casos, levan desocupados anos. “A idea é que os propietarios dos locais baleiros cedan o uso do escaparate para colocar vinilos que pagaría o concello e neles se podería promocionar o consumo local e tamén para potenciar os recursos artísticos y naturais do municipio”. O concello habilitaría exencións
do IBI aos propietarios que se sumasen a esta iniciativa co ánimo de dárlle un novo aspecto e mellorar a imaxe da cidade e das rúas que arestora están sen vida, nin color ”. - Axudas ao aluguer e mantemento de negocios. A idea é subvencionar dende o concello unha contía máxima do aluguer dos locais comerciais sempre e cando se dediquen a actividades relacionadas co comercio ou hostalería ao por menor.
- Aplicar exencións ou bonificacións nos recibos da auga e da recollida do lixo a aqueles autónomos e pequenos empresarios que certifiquen unha afección especial ou unha baixada de ingresos significativa debido ás restriccións sanitarias derivadas da covid.
- Apoiar ás empresas para que aceleren a súa transformación dixital reforzando a competitividade de autónomos e das empresas comerciais da cidade utilizando o Centro de Novas Tecnoloxías da Casa do Concello para desenvolver cursos específicos on line para o sector que mellore a cualificación do persoal en prestación de servizos, xestión administrativa, tecnoloxía, idiomas e medidas de seguridade.
- Programa de axuda á tradución ao inglés das páxinas web das PYMES; axudas para a cartelería que difundan en inglés actividades comerciais así como os productos locais; tradución multilingüe das cartas dos locais de restauración …
- Liña de incentivos para a conservación e o mantemento de comercios emblemáticos ben a través de subvencións á rehabilitación ou bonificacións en taxas e impostos municipais co ánimo de garantir estes negocios e favorecer que si cesan a actividade podan permanecer activos noutras mans preservando todo o patrimonio arquitectónico e mobiliario.
- Mellorar o aparcamento e a accesibilidade en zonas comerciais.
- Traballar para conseguir un entorno amable. Mellorar a limpeza; seguridade con policía na rúa e cámaras videovixilancia.
- Revisión das zonas de carga e descarga da cidade, especialmente no Casco Histórico, tendo en conta aspectos como a desconxestión do tráfico nas zonas comerciais. Así como a creación de novas zonas de carga e descarga con horarios que se adapten a todos os servizos.
- Potenciar a Mesa Local de Comercio para que funcione como unha canle eficaz de intercambio de información e propostas cos representantes do comercio, establecendo reunións mensuais.