O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, denuncia o que foi o ano 2019 para Lara Méndez: “un novo récord de pagos con reparos de legalidade, xa que durante o pasado ano entre a alcaldesa e o vicealcalde autorizaron o pagamento de 27.911.883,44€”.
Carballo sinala que “a nefasta” planificación económica do goberno local vese reflectida no pago de facturas con reparos de legalidade, xa que neste caso, segundo relata o popular, a terceira parte do orzamento municipal se destina a pagar facturas que non seguen os procedementos legais establecidos.
Ante esta situación, o voceiro popular urxe ao goberno local a devolver á legalidade todos aqueles servizos que se atopan co contrato caducado ou directamente sen contrato, xa que, segundo recoñecen dende a intervención municipal en varios informes, estes pagamentos derivan da prestación de servizos efectuados sen soporte contractual que os ampare en función da súa natureza, informes nos que se sinalaba que se efectuaban os reparos “ben porque tivera finalizado a vixencia dos respectivos contratos sen terse iniciado o expediente de novas licitacións, permitindo a continuidade das prestacións en precario e coa natureza da prórroga consentida sen cobertura contractual, ben porque se tivera considerado como gastos/contratos menores non xustificándose tal condición nin pola natureza, nin pola periodicidade nin pola contía acumulada”.
Entre os contratos que aínda se atopan en situación de irregularidade destacan, con maior contía económica, o da recollida do lixo con preto de 8 millóns de euros (7.954.717,81€), o da Estación depuradora de augas (2.192.594,06€) ou o mantemento da rede semafórica (1.786.069,58€), seguidos da Potabilizadora, a limpeza das dependencias municipais, rondando cada unha o 1,6M€ e o mantemento de zonas verdes (1,2M€).
Uns datos que, para o popular, reafirman que a política económica do goberno local precisa “dun xiro de temón o máis axiña posible”, ao que Ramón Carballo engade que a situación é “aínda más grave” ao engadir aos reparos de legalidade os recoñecementos extraxudiciais de crédito que o goberno leva mensualmente a cada pleno. “Falamos doutra situación que debería ser extraordinaria e que os socialistas converteron en habitual no concello”, lamentou.