O PP denuncia pagos por 215.000 euros sen contrato a unha empresa da Pokemon

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, denunciou esta mañá en rolda de prensa pagos por 215.382 euros “sen contrato nin prórroga legal de ningún tipo” á empresa Cechalva, encargada do servizo do guindastre municipal e un dos eixos do Caso Pokémon. Segundo Castiñeira, estes pagos “contaban coa oposición do interventor municipal”, que cuestionou a legalidade dos mesmos.

Nesa liña, o popular explicou que, a maiores dos 24.861,30 euros que abonaron os lugueses aos que se lles retirou o seu vehículo, o Concello asumiu o déficit de 190.520,74 euros xerado polo servizo do guindastre prestado entre decembro de 2015 e abril de 2016, “o que significa que, tendo en conta que estamos ás portas do mes de agosto, teremos que pagar polo menos outro importe idéntico”.

O popular advertiu das “posibles responsabilidades xudiciais” que poden derivarse cara aos políticos que, “en contra dos criterios técnicos”, deciden permitir que esta empresa “siga facturando para o Concello”. Así, apuntou que “calquera podería pensar que a alcaldesa, da que depende directamente este servizo, é, coa súa inacción, corresponsable de todo o que foron publicando os medios do Caso Pokemon e do que o propio Liñares recoñeceu”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com