O PP denuncia que Lara Méndez non levou a pleno a conta xeral de 2017

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou que o goberno socialista de Lara Ménez segue sen “reaccionar” en materia económica e aínda non remitiu ao Tribunal de Contas a conta xeral do Concello de Lugo do ano 2017.

Antonio Ameijide explica que segundo o artigo 212 da Lei de Facendas Locais esta é unha “obriga” de todos os concellos e teñen que aprobala en pleno antes do 1 de outubro de cada ano. O voceiro popular afirma que se trata dun documento de “importancia” xa que se os concellos non renden contas ante o Tribunal e non envían a conta xeral antes do 15 de outubro de cada ano, as consecuencias poden ser “moi negativas” para os concellos infractores xa que “poderase reter o importe das entregas a conta e, no seu caso, anticipos e liquidacións definitivas da participación nos tributos do Estado que lles corresponda, e ata que se considere cumprida tal obrigación de remisión”.

O ano 2017 é o exemplo perfecto, segundo o popular, do “fracaso da política económica de Lara Méndez” á fronte do Concello de Lugo. “Foi incapaz” de aprobar os orzamentos e, ademais, non cumpre coa lei. Suma dous meses de atraso para aprobar a conta xeral e, quizais, “non a aproba por vergonza” porque os números “afundirían” aínda máis a súa imaxe e afianzarían a sensación de “ineptitude” socialista á fronte do Concello de Lugo.

Unha situación que non é nova no Concello de Lugo xa que o goberno local bloquea a labor de oposición, xa que nos datos da conta xeral aparece, entre outros termos, a liquidación do orzamento do ano anterior, unha cifra fundamental para comprobar a inversión realizada polo goberno na cidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com