O Concello de A Pontenova, liderado por un alcalde socialista, non solicitou adherise ao convenio que ofrece a Xunta para colaborar na prevención e loita contra os incendios forestais. Para o PP, o alcalde pontenovés “non o fixo aínda sabendo de que se trata dun servizo necesario nun municipio cunha importante masa forestal”. Así o denuncia o Partido Popular local, quen considera “un grave erro” o proceder do alcalde que, xa o ano pasado, renunciaba a este convenio e que nesta ocasión parece non ter intención de rectificar, a pesares de que o vindeiro mes dá inicio a tempada de alto risco de incendios.
A decisión do rexedor implica tamén, na opinión dos populares, que os veciños perden a posibilidade de beneficiarse dos empregos vinculados ás novas contratacións, en concreto, brigadas de entre 4 e 6 compoñentes, que traballarían durante os próximos tres meses. O convenio de colaboración permite tamén financiar, co apoio da administración autonómica, os custos de mantemento da motobomba e a realización de desbroces preventivos en terreos municipais o de propietario descoñecido.
A renuncia do rexedor baséase en que estes traballos están cubertos polo Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES). Pero este mesmo argumento “non convence a ninguén” xa que, tal e como subliñan os populares, outros concellos como é o caso de Cervo, que tamén son sede de GES, si que solicitaron estas brigadas, “pois permiten crear novos postos de traballo e manter en perfecto estado a masa forestal local”.