Os populares consideran que “o rexedor está a impedir o labor de oposición de propoñer iniciativas para o seu debate no pleno da corporación municipal”. E, por se fora pouco, “tamén dificulta a participación dos concelleiros populares nos plenos extraordinarios que convoca ao seu criterio en horario laboral ou en datas que coinciden con outros compromisos dos membros do noso grupo municipal”.
Como mostra os populares denuncian que hai varios meses que levan denunciando a situación das estradas municipais “de total abandono” porque “presentan fendas, un firme deficiente e grandes fochancas que chegan a supoñer a existencia de puntos case intransitables”. E a pesar de que o Grupo Municipal Popular ten rexistrado en abril unha proposta para levar ao pleno a aprobación do arranxo das estradas municipais e o aumento do investimento no seu mantemento, nin sequera se chegou a debater ou votar porque o alcalde leva dende xaneiro sen convocar plenos ordinarios”.
A portavoz, Nicole Grueira, afea que “se puido convocar tres plenos extraordinarios dende maio ata finais de xuño, ben puido convocar o pleno ordinario nas datas que están previamente establecidas e que está a incumprir”.
Iniciativa para arranxar e conservar vías municipais
“O deterioro das vías municipais que supón un notable prexuízo para os veciños que as empregan na súa vida diaria e que dificultan a mobilidade para tractores, camións, turismos, transporte escolar ou servizos médicos, entre outros”. Recentemente, os populares volveron comprobar o mal estado de vías como as das parroquias de Silva e Cirio”. Subliñan os populares.
Ante esta situación, os concelleiros do PP piden unha “reparación das estradas que inclúa a limpeza das cunetas e a corrección de calquera outro problema que poida afectar á circulación segura dos veciños”. E, inciden en que “se realice un mantemento continuo das vías para evitar que no futuro se chegue a situacións tan críticas como as actuais”.