O Grupo Municipal do Partido Popular alertou sobre a situación de “irregulariedade” na que está o Fogar do Transeúnte situado na rúa Deputación xa que este edificio, propiedade do Concello de Lugo, carece da autorización de inicio de actividade.
O voceiro dos populares explicou que esta situación destapouse a raiz da encomenda de xestión que realiza Evislusa na que segundo informou está a acometer “os traballos de elaboración de documentación técnica que permita obter autorización de inicio de actividade do albergue municipal (Fogar do Transeúnte)”.
Jaime Castiñeira considera “unha irresponsabilidade e un atrevemento” que o fogar do transeúnte funcione nunhas instalacións públicas sen licenza xa que “se se rexistra un incidente ou accidente o seguro de responsabilidade civil, contratado polo Concello, non cubriría os danos ademáis da responsabilidade penal en que podería incorrer a alcaldesa” e matiza que “o fogar do transeúnte é unha dependencia na que se da aloxamento e manutención a unhas 2.000 persoas ao ano”.
Tras destaparse que o Fogar do Transeúnte adolece deste trámite o Grupo Popular solicitou ao goberno socialista que aclare cantos edificios municipais están nesta mesma situación “pediremos que se elabore un informe que detalle se as instalacións municipais que hai abertas se adaptan á Lei e tamén que verifiquen se se cumpren as condicións de seguridade ou a normativa relativa ao uso para as que están destinadas”.
En resposta a estas afirmacións, o voceiro do Concello, Miguel Fernández asegurou esta mañá tras a Xunta de Goberno municipal que o PP utilizaba esta información de forma partidista pois o Concello non se pode dar licenza a sí mesmo polo que o que falta é un formalismo administrativo e competencia da Xunta de Galicia que é a encargada dos Servizos Sociais.
O voceiro municipal afirmou que hai problemas máis importantes en Lugo sen resolver, como a falta de prazas públicas de residencia para anciáns que están a permanecer no HULA cando melloran das súas doenzas porque non teñen quen se faga cargo deles.
Miguel Fernández instou á Xunta de Galicia a que cree prazas de residencia pública pois Rey Varela hai un ano que se comprometeu, dixo o voceiro municipal, a iniciar os trámites dunha nova residencia e a día de hoxe aínda non comezaron.