O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou esta mañá que Lara Méndez segue a contratar viaxes “a conta das axencias da cidade”, xa que segue a pagar con “moitos meses de atraso” facturas de viaxes.
Antonio Ameijide sinala que no que vai de ano a alcaldesa en funcións xa pagou con reparos de legalidade 16 facturas a axencias de viaxes por valor de 6.593,33€. “Dende o grupo popular xa o denunciamos en varias ocasións e Lara Méndez segue nas mesmas. Está a financiar as viaxes do Concello con cargo aos autónomos de Lugo, facendo que teñan que soportar dilacións extremas no pago das facturas”, afirmou.
Outro caso chamativo que desvela o popular é a “famosa chocolatada de Nadal que se inventou Lara Méndez para tentar maquillar que Lugo foi a última cidade de Galicia en contar co alumeado navideño”. Neste caso, Lara Méndez pagou poucos días antes das eleccións municipais os 4.000€ que custaron o chocolate e os churros para esa tarde do 14 de decembro de 2018 e os inchables para os nenos dese día. “Falamos de traballos realizados o pasado mes de decembro e que se pagaron hai uns días. Vemos como a nula preocupación de Lara Méndez polos autónomos e pequenos empresarios de Lugo segue a ser unha das súas bandeiras”, explicou.