O PP denuncia que unha empresa factura ata 1,7M€ por colocar publicidade sen pagar en mupis municipais

O voceiro do Grupo Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, destapou o que el mesmo cualificou como “outro caso de xestión irregular” por parte do goberno local en alusión ao contrato vencido, en setembro de 2016, da concesionaria que explota a publicidade en soportes exteriores propiedade municipal (mupis) e no que “os lucenses vemos como, durante estes dous últimos anos, unha empresa privada puido explotar e facturar ata 1,7M€ € sen pagar nin un só euro ao Concello e sen que esta actividade comercial supuxese ningún en beneficio para os lucenses”.

Para facer esta conta, o voceiro popular indicou que “contabilizamos a xestión dos 44 mupis que hai na actualidade nas rúas de Lugo, polas 120 semanas que levan nesta situación de ilegalidade, e tomando como base a tarifa oficial que ofertan en internet axencias publicitarias de 11.800 € semanais mailos gastos de impresión suporía uns beneficios á empresa de ata 1,7M€ de euros (en caso de que se fixesen campañas cunha cobertura ao 100% dos paneis).

O popular puxo de manifesto que “o goberno socialista non pode alegar descoñecemento xa que tivo, como mínimo, ata catro advertencias directas dos funcionarios”.

Ameijide pregúntase cales son os motivos polos que nestes últimos 28 meses non se sacou a concurso o contrato desta explotación agardando que “non dé a calada por resposta tal e como sucedeu co caso do aparcadoiro público que se explota sen que a firma pague o canon anual ao concello dende hai 8 anos”.

O voceiro popular denuncia que “esta empresa puido ter un trato preferente por parte do partido socialista” xa que “segundo entraron no goberno, no ano 1999, tardaron só uns meses en ampliar seis anos máis, pola porta de atrás este contrato, pasando dos dez anos previstos máis unha posible prórroga de tres anos, a 19 anos de contrato máis os dous anos de forma alegal”.

O voceiro popular indicou que as perdas “pola neglixente xestión de Méndez” son millonarias xa que ademais da merma de ingresos, a conta da entrega propiedades municipais para que se lucren empresas privadas, hai que sumar a redución de ingresos pola parálise motivada polo retraso das licenzas urbanísticas ou a neglixencia á hora de resolver os máis de 20 contratos caducados que temos na actualidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com