O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, valorou positivamente os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2020, concretamente no que corresponde a Lugo, xa que “cumpren” cos compromisos adquiridos e dan resposta ás necesidades dos lucenses, aos que se destinan 39.380.000€ so de inversión directa.
Ramón Carballo sinala que a valoración das contas da Xunta para o vindeiro exercicio económico “é moi positiva”, xa que “pese a que somos conscientes de que non está todo o que quixéramos para Lugo, se marcaron prioridades para rematar cos proxectos iniciados, como completar dotacións no barrio da residencia”.
O voceiro popular puxo sobre a mesa o esforzo inversor do goberno autonómico para impulsar os proxectos “fundamentais” como son o primeiro Centro de Saúde Integral de Galicia (7M€), o novo centro público de atención integral ás persoas maiores (12M€) con 120 prazas públicas e que xerará 115 empregos, a ampliación do parque empresarial das Gándaras (3.4M€), a Rolda Leste (300.000€) ou cos primeiros pasos que se darán para que Lugo conte coa súa estación intermodal (200.000€).
Ramón Carballo afirma que para o goberno de Núñez Feijóo o barrio da Residencia sempre foi unha prioridade, algo que se pode comprobar in situ ao ver o bo ritmo co que avanzan as obras de demolición do antigo hospital Xeral e que se “reafirma” cos máis de 19M€ de inversión directa que hai nos orzamentos do vindeiro ano. “A Xunta quere reactivar económica e socialmente este barrio e están a dar os pasos necesarios para conseguilo”, sinalou.
Unha dinámica que se ve referendada cos 780.000€ destinados ao programa Rexurbe cidade. Un investimento que se destinará ás obras, para continuar ou rematar as que xa están en execución e tamén para intervir no acondicionamento do edificio do Pazo de Dona Urraca e do Edifico do Xacobeo. Un investimento que se complementará co apoio á recuperación de inmobles nas ARI da cidade (322.000€). “Falamos de que o goberno galego segue a apostar polo casco histórico de Lugo, ao que destina máis de dous millóns de euros”, afirmou.
O inicio do desdobramento da vía de altas prestacións Lugo-Sarria, con 3M€, amosa ás claras cal é outra das prioridades do executivo galego. As obras licitaranse antes de que remate o presente ano e avanzarán de forma significativa na vindeira anualidade. Para Ramón Carballo, estes orzamentos son un exemplo de que o esforzo inversor de anos anteriores prolóngase en actuacións como a redacción do proxecto construtivo da estación de autobuses intermodal, incluíndo a conversión dos terreos da actual terminal nun gran espazo público ao servizo dos veciños e dos comerciantes da zona (200.000€) ou o Plan Paradai (450.000 euros), unha intervención que que precisa ser desbloqueada polo Concello.
Out 20, 2019 - 04:18 PM
E que vai dicir o cara este?
Out 19, 2019 - 07:12 PM
Herniaronse con esforzo.