As inversións recollidas no proxecto de orzamentos da Xunta para 2020 inclúen case tres millóns de euros para Monforte, destinados fundamentalmente a centros educativos, mellora de infraestruturas sanitarias, comunicacións, turismo e patrimonio cultural. Así o explicaron hoxe os populares da localidade, que destacaron que Lugo volve a ser a provincia con maior investimento per cápita de Galicia, e sitúase en 4.252 €/habitante, o que supón 230 euros máis que no 2019.
A voceira municipal do PP de Monforte, Katy Varela, destaca as inversións previstas en materia sanitaria. Así, pon de relevo a partida de 706.165 euros destinada a diversas melloras no hospital comarcal. Igualmente, está prevista a mellora e acondicionamento de centros de saúde, por importe de 60.000 euros.
Relevante é tamén a inversión programada en materia de educación, para a rehabilitación integral e funcional de centros educativos. Esta partida totaliza 850.000 euros, sinala Katy Varela, que resalta o esforzo que leva a cabo a Administración autonómica para a mellora de centros escolares. Para a sinalización do Camiño de Santiago, nas grandes contas da Xunta para 2020 figuran 232.627 euros e para iniciativas de protección do patrimonio cultural, 109.140 euros.
A mellora das comunicacións é outra fronte a que atenden os orzamentos da Xunta para o próximo exercicio en Monforte. Neste caso, as partidas previstas son as seguintes: reformas na estación de autobuses, 165.073 euros; acceso ao porto seco de Monforte, 750.000 euros, e, para un convenio coa Fundación de Ferrocarrís, 30.000 euros.
A voceira municipal do PP, Katy Varela, destaca que a estabilidade do goberno de Galicia fai posible sacar adiante os orzamentos, co que iso supón para que os cidadáns poidan ver cumpridas as súas expectativas en canto a servizos e infraestruturas, e, polo tanto, mellorada a súa calidade de vida.
Out 24, 2019 - 10:51 PM
Panda de mentirosos, están metendo obras que xa tiñan que estar feitas anos antes, e cantos pican, manda carallo.
Out 24, 2019 - 09:40 PM
E logo por que non os vai gastando xa,