O PP desvela o pago de 35M€ polo ciclo da auga, un servizo sen contrato dende hai dez anos

O Partido Popular tildaba hoxe de escandaloso o exemplo do ciclo da auga no concello de Lugo que confirma, din, a denuncia que veñen reiterando dende hai anos de que o Goberno local “xestiona servizos públicos a través de empresas con contratos caducados e con pagos con reparos de legalidade”. Así o denunciou o Partido Popular logo de coñecer que a empresa que se encarga da xestión da depuradora e da potabilizadora “segue a enviar facturas mensuais ao Concello” malia que a súa relación contractual rematou en novembro de 2011, pola Estación Depuradora (EDAR) e en febreiro de 2012 na Potabilizadora (ETAP).

O vicevoceiro popular Antonio Ameijide aclarou que “estamos falando dun dos servizos máis potentes pendentes de legalizar” e cuantificaba en preto de 35 millóns de euros o importe que levamos pagado con reparos de legalidade á concesionaria durante os últimos dez anos. Esta cifra obtense da media mensual do que estamos pagando pola EDAR (156.613,86 €) e pola ETAP (127.149,61€).

Os populares pregúntanse “que intereses ocultos pode ter o bigoberno para manterse de brazos cruzados e mirando para outro lado favorecendo a unha empresa privada que xestiona, o ciclo da auga sen contrato”. Por último Ameijide lembrou o episodio de trato a favor da alcaldesa coa multinacional concesionaria do ciclo da auga do concello de Lugo cando “hai tres anos cando se negou a abrir un expediente por uso indebido do laboratorio da EDAR“ logo de que os populares destapasen que nestas instalacións municipais da Estación Depuradora de Augas Residuais se realizaban análises de auga doutros Concellos, algo que está totalmente prohibido no contrato”.

Os populares censuraron tamén que “mentres fixo a vista gorda das irregulariedades que cometeu a empresa nin se inmutou cando se sancionou sen emprego e soldo durante 60 día ao traballador que destapou este fraude e mesmo despediu a outro deles”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com