Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular mantiveron varias xuntanzas con representantes de colectivos afectados directamente pola crise en urbanismo, como a Apec ou os colexios oficiais de arquitectos e aparelladores, contactos nos que os concelleiros populares atoparon varios problemas comúns aos que é preciso poñer freo de xeito inmediato.
Antonio Ameijide explica que o primeiro deles é mellorar a organización da área de urbanismo. “Non sabemos se o mellor é reestruturar ou tomar outra serie de medidas, pero é imprescindible facer algo para poder desatascar a situación, algo para o que pedimos unha auditoría externa e independente”, sinalou.
O certo é que hai un problema coa concesión de licenzas. Dende o Grupo Municipal Popular xa se fixo público que os 90 días de prazo legal que marca a lei para a resolución dunha petición de licenza son unha “quimera” con Concello de Lugo xa que a media se sitúa nos 330 días na área urbana e nos 757 días nas parroquias do rural.
Esta situación está a provocar unha clara “paralización da economía” no municipio, xa que pese aos elevados atrasos na tramitación de licenzas, as que se aprobaron supuxeron un volume de negocio directo duns 30M€, polo que os populares preguntan en que situación económica podería estar Lugo “se a tramitación de licenzas se axilizase e se axustase aos prazos legais estipulados”.
Unha paralización da economía e ralentización na concesión de licenzas que se podería incrementar, xa que, segundo confirmaron diversos colectivos, dende a concellería de urbanismo “non se están a dar citas presenciais” aos interesados e os trámites realízanse de forma telefónica, polo que moitas dúbidas terán unha difícil solución, segundo explican os profesionais do sector, polo que urxe un reforzo do servizo.