O PP esixe a Tomé que axuste as “abusivas” esixencias de uso do Pazo dos Deportes e anexos

O Partido Popular da Provincia deu a coñecer en días pasados os problemas aos que se enfrontan os clubs deportivos polas restricións que impón o goberno provincial para o uso das súas instalacións e que cualifican como excesivos. Esta mesma denuncia facíaa o venres o equipo de Squash da cidade de Lugo ás que respondía o deputado provincial de Deportes, Efrén Castro, respaldándose tras as normativas das federacións e da Xunta de Galicia. 

Neste senso, os populares demandaban hoxe do Goberno provincial, en nominativamente de José Tomé, o presidente do Executivo, que asumise que estaba dando as costas aos clubes e non lles está dando solucións para o día a día. Así pedía o voceiro popular ao presidente que axustase as medidas impostas no Pazo dos Deportes polo Goberno provincial ás esixidas pola Xunta de Galicia.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “As recentes declaracións de varios responsables de clubs deportivos lucenses confirman a veracidade das denuncias que fixo o PP polo exceso de celo e as restricións excesivas no uso de instalacións provinciais, como é o caso do Pazo dos Deportes, establecidas polo goberno da Deputación por causa da covid; confirman, polo tanto, que, como puxo de manifesto o PP, existe un problema serio. Non é algo novo, aínda que a covid agravou unha situación que xa vén de vello”. Castiñeira ve con sorpresa que “dende a delegación de Deportes da Deputación se segue negando, polo señor Efrén Castro, que haxa exceso de celo, pero tanto as diferentes federacións como a Xunta confirman que si existe e que os clubs teñen razón”.

O portavoz popular recorda que “xa hai protocolos establecidos pola Xunta de Galicia e  polas federacións” e recoñece que “a Deputación, como titular desas instalacións, pode facer o que queira”. Sinala: “Entendemos que o goberno provincial debe facilitar a práctica do deporte coa maior das seguridades, pero sen excederse porque, ao final, acaba impedindo a práctica deportiva nas instalacións provinciais dunha forma máis ou menos normal, dentro desta nova normalidade”.

Castiñeira declara: “Dicimos que isto non é algo novo porque xa hai moitos anos que os clubs se queixan de falta de coordinación por parte da delegación de Deportes da Deputación no uso das instalacións provinciais. É certo que a Deputación aporta moitas axudas económicas, moi necesarias para a actividade deportiva na nosa provincia e que veñen moi ben para a subsistencia destes clubs, pero iso non é o único. Temos unha provincia moi comprometida co deporte, que ten clubs profesionais, que traballa moi ben a base. Todo ese traballo desas asociacións e clubs ten que estar apoiado polas Administración, non só economicamente senón tamén dando solucións aos problemas do día a día, que é o que non está a dar a Deputación. Problemas de uso de instalacións para os adestramentos, de calendario de partidos; é moi necesario o traballo directo cos responsables dos clubs, que ás veces necesitan solucións con urxencia. Vemos que iso resulta moi difícil coa Deputación de Lugo, porque existe moita burocracia”.

Os populares piden “ao goberno da Deputación que asuma que está dando as costas aos clubs nun momento tan difícil como é este debido á covid, pero sobre todo que non dá solucións ao uso do día a día das instalacións provinciais; isto é o que máis nos preocupa e esperemos que cambie o antes posible”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com