O PP esixe a Tomé que explique por que Tragsa utiliza maquinaria de Suplusa nas zonas verdes da Deputación

Maquinaria propiedade da Sociedad Urbanística Provincial de Lugo S.A (Suplusa) está sendo utilizada por Tragsa para o mantemento das zonas verdes das que antes se encargaba a citada sociedade provincial. Así o denunciaron os populares que aclararon que os vinte traballadores de Suplusa, sociedade agora en liquidación, que se encargaban das citadas tarefas, desempéñanas desde o pasado 1 de xaneiro en Tragsa, debido ao acordo establecido pola Deputación con esta empresa pública.

Á vista de que Tragsa está usando, desde primeiros de ano, maquinaria de Suplusa, o grupo Provincial Popular esixe explicacións ao presidente da Deputación, o socialista José Tomé, sobre as condicións en que se produce tal utilización. Os deputados populares queren saber se a Deputación estableceu algún acordo, e, de habelo, de que tipo, con Tragsa para usar a maquinaria adquirida con fondos provinciais.

A lista de máquinas procedentes de Suplusa que están a disposición de Tragsa son un camión, dúas furgonetas, unha pala escavadora, un turismo e desbrozadoras, entre outras. Os deputados populares avisan de que, de non mediar un convenio ou algún outro tipo de acordo entre as partes, a utilización por unha empresa que non é Suplusa destas máquinas podería constituír unha ilegalidade.

“A estas alturas, máis que dúbidas empeza a consolidarse a convicción de que o bigoberno provincial non dixo toda a verdade sobre o custe que terá para a Deputación o mantemento das zonas verdes a través de Tragsa. É hora de que o presidente, José Tomé, e o goberno que preside aclare aos lucenses en xeral canto lle costa á Deputación esta fórmula”, critican os populares. En todo caso, o PP utilizará todos os recursos ao seu alcance para obter esta información de xeito detallado, porque todo indica que hai un aumento de custes, que pode chegar a ser moi considerable. Os deputados provinciais do Partido Popular esperan aclaracións detalladas sobre as dúas cuestións expostas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com