Os senadores do Partido Popular, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela, esixen ao Goberno que explique se está en disposición de garantir o remate da Autovía A-54 en 2022. Así se indica na iniciativa que veñen de rexistrar e coa que, ademais, solicitan ao Executivo que dea conta do estado real das obras.
Os populares levan este asunto á Cámara Alta logo de que se constatase que, ao igual que acontece con outras infraestruturas da provincia, “o Goberno de España non está poñendo os recursos necesarios para finalizar esta actuación que leva executándose e paralizándose dende hai anos”. E é que o propio ministerio de Transportes cifrou en 2 millóns de euros o gasto mensual destinado a esta infraestrutura, polo que, segundo estes cálculos, a A-54 non estaría rematada ata 2026.
“O Goberno insiste en que a data prevista para o remate é o vindeiro ano, pero a baixa inversión, unida ás múltiples paralizacións por complicacións medioambientais ou polo patrimonio arqueolóxico nalgún dos treitos, deixan entrever que o ministerio vai ser incapaz de cumprir, unha vez máis, a súa palabra”, remarcan.
De feito, é precisamente o tramo Arzúa, Melide e Palas de Rei, cun rico patrimonio arqueolóxico, o que resta para completar a execución desta vía de alta capacidade, e no que os continuos paróns na execución fan temer que o Goberno incumpra o cronograma previsto, segundo o cal, esta autovía estaría finalizada o vindeiro ano.
Os populares pedirán así explicacións ao Executivo, xa que a A-54 “é unha das infraestruturas que contribuirán a vertebrar o territorio do interior galego”. “Non só comunicará a capital lucense con Santiago, senón a numerosos municipios do rural entre sí e a estes con estas cidades”, manifestan.