O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, denuncia a “nula intención” do goberno local para que se constrúa a rotonda de Alfonso X coa N-VI, xa que dous anos e oito meses despois de que o Ministerio de Fomento solicitase a cesión dos terreos, o Concello de Lugo aínda “non cumpriu coas súas obrigas”.
Ramón Carballo explica que o 3 de novembro de 2016 o Ministerio de Fomento, aínda cun ministro do Partido Popular, solicitou a cesión de terreos para a execución do proxecto, “solicitude que se remitiu tanto ao Concello como á Deputación”. Dende esa data, as únicas administración que demostraron vontade por poñer fin ao “punto negro” que é para a circulación en Lugo o cruce de Alfonso X coa N-VI foron o Ministerio de Fomento e a Deputación de Lugo.
Neste senso, o voceiro popular é claro e contundente: “a realidade amosa que se van a cumprir tres anos dende que Fomento realizou a petición. A Deputación xa puxo a disposición de Fomento os terreos necesarios para realizar os traballos, mentres que Lara Méndez segue a demorar, de xeito inxustificado e inescusable a cesión dos terreos”.
Carballo preguntará polos motivos do goberno local para non realizar a cesión dos terreos. “Antes entendiamos que torpedeara a construción da nova rotonda xa que se trataba de facilitar as cousas a un goberno do Partido Popular, pero agora, cun goberno socialista en Madrid dende hai máis dun ano non sabemos que motivos pode ter Lara Méndez para torpedear o proxecto”, afirmou.
Ramón Carballo sinala que os deputados nacionais por Lugo, Jaime de Olano y Joaquín García Díez, presentaron varias preguntas por escrito no Congreso dos Deputados para coñecer a situación deste proxecto e obtiveron como resposta que o Concello de Lugo aínda non cedeu os terreos polo que Fomento segue a instar a Lara Méndez a que poña os terreos a disposición.
O voceiro popular recorda que en xaneiro de 2018 o servizo municipal de Enxeñería elaborou e presentou un informe no que ratificaban que “é posible a autorización por parte do concello das obras a executar previstas por non contravir o disposto no vixente PXOM”. “Reitero o dito, non é posible entender que Lara Méndez boicotee esta futura rotonda xa que non hai impedimentos para a súa construción”, explicou Carballo.
Ademais deste informe, hai outros dous informes previos favorables á cesión dos terreos, un do servizo de Arquitectura, con data do 15 de decembro de 2017, e outro do servizo de Medio Ambiente, con data de 2 de xaneiro de 2018.
Xul 15, 2019 - 08:02 PM
Pois, ponerse a sachar, a que esperan?