O Partido Popular esixe unha declaración pública do PSOE na que descarte “de forma taxante e definitiva” a intención de privatizar a Escola de Música. O voceiro popular Antonio Ameijide indicou que as explicacións do concelleiro responsable, na asemblea convocada para onte pola asociación de usuarios deste servizo, “lonxe de escrarecer o seu funcionamento, enredou e sementou máis dúbidas sobre o seu futuro”. Por iso, o Grupo Popular presentou unha batería de preguntas para que os socialistas aclaren en comisión, entre outros aspectos, se garantizan aos 18 profesores e membros da banda se van cobrar as nóminas íntegras de decembro e meses posteriores.
Para Ameijide “é un insulto” que, logo de dous anos co problema xerado pola sentencia que anula os novos contratos dos músicos, o goberno local non fose capaz de buscar unha solución a esta problemática. Ameijide critica que o PSOE “menosprecie este servicio cunha alta demanda e que conta cunha matrícula que supera o millar de alumnos e alumnas” asegurando que “esta actitude reflicte o seu pasotismo por impulsar esta oferta cultural”.
O voceiro popular afirmou que o seu grupo leva dende o pasado mes de outubro advertindo desta manobra de privatización dos socialistas advertindo que “non permitirán, baixo ningún concepto, esta operación lembrando que a Escola de Música púxose en marcha impulsada, en 2011, grazas a unha iniciativa popular”. Ameijide destacou o papel da Escola de Música e da Banda por impulsar esta disciplina xa que no seu seno, dende que hai sete anos empezou a funcionar, naceron 12 agrupacións musicais.