Os populares da Fonsagrada lamentan o “trato discriminatorio a algúns veciños por parte do Goberno local ao empregar diñeiro público para o asfaltado de accesos a fincas privadas, mentres hai pistas públicas de acceso aos núcleos rurais do concello desfeitas dende fai anos e ás que non destinan nin un céntimo”.
O PP local recolle as queixas veciñais xeneralizadas que se fixeron máis notables ao ter coñecemento dun escrito presentado por un dos veciños afectados dirixíndose ao Concello para solicitar o uso de fondos e recursos públicos para acometer obras de mellora nas estradas de titularidade municipal. Como apunta o propio prexudicado no escrito presentado no Rexistro Xeral da Xunta en Lugo, “o Concello está a empregar recursos públicos para realizar obras en infraestruturas de propiedade privada cando levo solicitado dende fai 5 anos que o Concello da Fonsagrada realice as obras de asfaltado das pistas de acceso a Barbeitos” debido a que o seu “lamentable estado imposibilita o acceso dun camión necesario “para o arranxo da miña vivenda”.
O PP da Fonsagrada, censura que o alcalde socialista “aprobe este tipo de actuacións cando mantén vías públicas en mal estado, a pesar de que esa situación afecte á prestación de servicios básicos aos veciños e veciñas”. Así mesmo, cre que “a culpa non é de quen lle solicita o asfaltado na súa finca, senón do alcalde por non entender as competencias do Concello”.
Polo tanto, o Partido Popular do municipio fonsagradino rexeita esa “diferenciación” no trato que sofren algúns veciños por parte do equipo de Goberno local e considera que “esta actuación supón unha burla para o resto da veciñanza”. Fronte a esta situación, o PP da Fonsagrada defende a igualdade na prestación de servizos para o conxunto dos fonsagradinos que viven no termo municipal.