A presidenta provincial do PP e voceira do grupo popular na Deputación, Elena Candia, lamenta que o presidente do organismo provincial, José Tomé, deixara perder a oportunidade, na presentación o pasado xoves no Parlamento de Galicia das grandes liñas do proxecto de orzamento para 2020, de concretar aspectos fundamentais da xestión da institución que dirixe.
Un deses aspectos, segundo Candia, é que pensa facer coas residencias para maiores previstas pola Deputación, e máis concretamente cando pensa abrir as que están rematadas, e que cronograma ten para as demais. Neste sentido, recordou que o presidente da Deputación foi só eficaz unha vez desde o comezo do mandato e foi para crear alarma ao suxerir que pensaba renunciar a sacar adiante algunhas das residencias previstas. Tamén recordou que o persoal seleccionado para traballar nas residencias está á espera de que Tomé se decida a poñelas en servizo.
Para Candia, na presentación do orzamento provincial no Parlamento, “quedou totalmente claro e reforzado” o que di o PP desde case o principio do actual mandato: “o presidente vive das rendas da anterior corporación provincial, na que se adoptaron acordos que seguen sendo as liñas principais da xestión provincial” , como, a xuízo da presidenta provincial do PP, se puxo onte de manifesto. Como exemplo, citou o Plan Único.
A voceira popular na Deputación tamén viu claro, ao fío da exposición das grandes liñas do orzamento no Parlamento, que José Tomé “está disposto a utilizar o seu cargo para manter de modo continuado un enfrontamento coa Xunta, máis sinaladamente co seu presidente, Alberto Núñez Feijóo” . Candia di que esta maneira de actuar vai directamente contra os intereses dos residentes na provincia de Lugo e só demostra que Tomé necesita xustificar no enfrontamento con Feijóo o que non pode xustificar pola súa xestión á fronte da Deputación.
Por outro lado, Candia destacou o ton que utilizou José Tomé no resposta á intervención do deputado popular Daniel Vega. «Perdeu esa compostura impostada coa que quere dar unha imaxe extremadamente institucionalista. Pois quedou claro o talante do presidente da Deputación, algo que xa sabemos no grupo provincial do PP desde o mesmo momento en que tomou posesión e se encariñou desmesuradamente co cronómetro para controlar as intervencións nas sesións plenarias. Na exposición das grandes liñas do proxecto orzamentario para 2020 quedou moi claro: é un presidente que vive das rendas do traballo e acordos da anterior corporación e que ten un talante moi pouco tolerante por máis que queira disfrazalo de institucional».
Nov 02, 2019 - 07:28 PM
Que mal o fan os que están?