O PP insta a Tomé a reclamar “con rotundidade” a intervención da SEPI en Alcoa

O PP insta ao presidente da Deputación a “deixar de adular” ao Goberno de Pedro Sánchez e a reclamar “con  rotundidade” á ministra Maroto que, mediante a SEPI, interveña provisionalmente Alcoa. O portavoz popular na corporación provincial, Javier Castiñeira, denunciou onte que o presidente da Deputación en canto ten cerca aos membros do Goberno “dá palmadiñas nas costas aos que están prexudicando os intereses da provincia”.

Os populares din que dende que os representantes dos traballadores de Alcoa entraron na Deputación ao berro acusatorio de “socialistas de pacotilla”, o presidente demostrou “unha e outra vez, que o comité de empresa tiña razón”. Así, os populares esixen ao Presidente do Executivo Provincial que “defenda os intereses de toda a provincia, que se deixe de defender só os intereses dos socialistas, porque é presidente de todos os lucenses; estamos a falar do futuro da provincia de Lugo, de A Mariña, de Alcoa”.

Castiñeira sostén que a intervención temporal de Alcoa, por medio da SEPI, “é a día de hoxe a única solución, a que piden os traballadores e os veciños de A Mariña”.

“O Goberno de Pedro Sánchez non entendeu nada sobre a folga xeral vivida recentemente na Mariña en defensa da súa industria. A rotunda afirmación feita pola ministra Maroto descartando a intervención de Alcoa, así o demostra. E as xustificacións que, sobre as declaracións da ministra, está a dar o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, son escusas de mal pagador, coas que só busca, sen éxito, defender ao Goberno, e ocultar a falta de peso do PSdeG de Lugo no seo do PSOE”. Así o indica o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, que esixe de Tomé “que demande con rotundidade do Goberno que interveña provisionalmente, mediante a SEPI, a fábrica de Alcoa”.

Castiñeira explicou que “cando os traballadores de Alcoa e os membros do comité de empresa entraron na Deputación de Lugo tiñan dúas proclamas. Unha era Enerxía, solución, e a outra era Socialistas de pacotilla. O da Enerxía, solución, empeorou, porque dende aquela o prezo da enerxía e moito máis caro, tanto o gasóleo como a
enerxía eléctrica, que é fundamental para as expectativas de futuro da fábrica de aluminio na Mariña”.

Doutra banda, o portavoz da formación asegura que “temos que dar a razón unha vez máis ao comité de empresa: o
señor Tomé é un socialista de pacotilla. E por que? Porque cando levabamos as cousas á Deputación de Lugo, o señor Tomé está a favor do comité de empresa; cando o comité de empresa lle pide que se posicione, faino coa boca pequena, pero cando chega a Ferraz o señor Tomé é unha persoa totalmente diferente, é un adulón, ao que lle gusta dar palmadiñas nas costas a aqueles que están prexudicando os intereses da nosa provincia, neste caso a ministra Maroto e a ministra Ribera”.

O portavoz popular insta a Tomé a que “pida con rotundidade á ministra Maroto e ao Goberno de Pedro Sánchez que interveña provisionalmente, mediante a SEPI, a fábrica de Alcoa, porque esa a día de hoxe éa única solución, a que piden os traballadores e os veciños de A Mariña”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com