O PP insta ao goberno a reactivar a oficina do voluntariado

A concelleira do Partido Popular no Concello de Lugo, Cristina Abades, solicita ao goberno municipal a reactivación da oficina municipal de voluntariado para que calquera lucense que o desexe poida prestar a súa axuda desinteresada a outras persoas ou entidades.

Cristina Abades sinala que Lugo é a única das grandes cidades galegas que na actualidade conta coa oficina municipal de voluntariado “paralizada”, pero en anos anteriores os goberno socialistas “optaron por desmantelar” esta iniciativa que en todas as cidades conta cun gran respaldo social. Entre as actividades que se poderían promover dende a oficina municipal de voluntariado están o acompañamento a persoas maiores, menores ou discapacitados; colaborar con iniciativas en favor de medio ambiente; ou accións puntuais que poidan xurdir ao longo do ano e que precisen de voluntarios para poder desenvolverse.

A concelleira popular lamenta que o Concello de Lugo sexa “un referente de ineficacia” no fomento do voluntariado social porque a oficina que se creou no ano 2002 no centro Uxío Novoneyra “non presta asesoramento técnico, nin se organizan cursos de formación, nin sequera coordínanse accións de voluntariado no ámbito municipal”. Segundo explica a popular, nin o goberno actual nin os anteriores gobernos socialistas incentivan ás persoas interesadas en prestar a súa colaboración a calquera outro veciño. “É unha mágoa que Lugo non poida contar cos mesmos servizos que outras cidades de Galicia unicamente pola desidia do goberno local”, sinalou.

Cristina Abades sinala que cunha pequena procura a través da internet se poden atopar referencias a esta oficina municipal de voluntariado, pero as persoas que aparecen como referencia xa non se ocupan desta tarefa nin a dirección web está activa. Neste senso, a popular recalca a importancia de contar con este tipo de iniciativas xa que serven para “promover o voluntariado a nivel municipal e crear tecido social entre diferentes entidades”.

Neste senso, Cristina Abades recorda que dende a Xunta de Galicia “se apoian firmemente” este tipo de iniciativas, algo para o que o executivo galego puxo en marcha diferentes tipos de axudas. Por unha banda, o goberno galego financiou 37 proxectos de voluntariado sénior, algo para o que destinou 120.000€, e tamén se destinaron 405.000€ para a posta en marcha de 73 programas para a promoción do voluntariado xuvenil. “O Concello de Lugo puido terse beneficiado deste tipo de axudas, xa que se dirixiron a concellos e entidades de acción voluntaria, o único que fai falta é un pouco de iniciativa para poder desenvolver proxectos de interese para os lucenses”, afirmou.

A concelleira popular lembra que na pasada campaña electoral, dende a candidatura popular xa se anunciara a intención de contar cun programa de mentores sénior, para resaltar a experiencia e os coñecementos de persoas que xa remataron a súa vida laboral, pero que pola súa profesión poden axudar os emprendedores, ademais de poñer en marcha un programa de voluntariado para promover as relacións sociais e accións interxeracionais nas que os maiores tamén participaran como parte activa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com