O PP invitou no pleno ao BNG a sumarse as súas propostas fronte a crise na provincia

A sesión plenaria que hoxe celebrou a Deputación puido ser importante para a provincia, se os grupos que conforman o goberno optaran por  entender a grave situación económica na que se atopan os concellos, moitos dos sectores produtivos e os cidadáns máis vulnerables.

O portavoz popular, Javier Castiñeira sinalaba á entrada do pleno que, contrariamente ao levan dicindo nos últimos plenos, os populares entendían a importancia da sesión de hoxe para a provincia.  “Damos a benvida ao BNG a este
pleno con propostas do PP para intentar solucionar os problemas económicos dos lucenses, que veñen precisamente polo grave incremento da inflación”, dicía o popular.

Castiñeira asegurou que o seu grupo compartía cos nacionalistas a preocupación pola situación da veciñanza pero o que non comparten é a maneira de “solucionar os problemas”, porque, segundo dixo o voceiro popular, o Bloque é partícipe do problema. “A nefasta estratexia enerxética do Goberno central, marcadamente ideolóxica, foi aprobada polo BNG”.

O portavoz popular destaca que teñen “moitas diferencias co BNG, que trata sempre de instar ás demais administracións; o Bloque goberna na Deputación de Lugo e entendemos que é o momento de tomar decisións directas, que afecten á provincia”.

O popular indicou que, para iso, o BNG “se quere solucións”, pode aprobar as mocións que presenta o PP; “unha delas é para axudar aos concellos, que o están pasando moi mal pola suba dos prezos da enerxía, e a outro de apoio a todos os sectores lucenses afectados pola crise enerxética. Aí pode ser útil o BNG a todos os lucenses”.

En canto ao PSOE, Castiñeira afirma que “segue botándolle a culpa a Putin e por iso trae unha moción nese sentido”. En resumo, o PP cría que neste pleno íase ver “quen quere solucionar a crise de verdade, quen aporta solucións efectivas que cheguen a todos os lucenses e quen só quere aproveitarse politicamente dunha situación que eles mesmos xeraron”.

Contrariamente ás optimistas perspectivas coas que os deputados do PP entraron na sesión plenaria, o resultado final cualificárono de decepcionante. O goberno presidido polo socialista José Tomé demostrou, segundo os populares “a súa incapacidade para recoñecer os graves problemas da provincia” e, “escudándose de novo no falso argumento da incapacidade económica do organismo provincial, evitou o compromiso cos lucenses, cos seus concellos e cos sectores produtivos máis afectados pola crise”.

Socialistas e nacionalistas uniron os seus votos e rexeitaron as mocións do PP nas que se propoñía un suplemento do Plan Único, para compensar a perda de poder adquisitivo polos concellos, debida á inflación, e outra para apoiar aos sectores produtivos máis afectados.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, lamentou ao final da sesión ver un goberno da Deputación que cualificou como “absolutamente inoperante”. “O certo é que a Deputación de Lugo, que é un ente moi importante para a provincia, dispón de multitude de fondos, non só dos orzamentos provinciais (este ano subiron máis de sete millóns de euros), senón dun amplo remanente e incluso de ampla capacidade financeira para poder tomar decisións”.

Castiñeira di que a postura mantida polo goberno provincial non responde a “unha cuestión de cartos, é unha cuestión de falta de vontade”. Engade: “Cando lles toca a eles ser executivos, poñerse as botas para traballar, prefiren de novo botar as culpas á Xunta de Galicia”. Medidas, di Castiñeira, “que podían ser executivas na semana que vén, merecen o voto en contra do goberno da Deputación; vota en contra dun suplemento do Plan Único para os concellos e vota en contra tamén de axudas para os sectores produtivos afectados pola inflación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com