O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamentou profundamente a situación na que se atopa a Fábrica da Luz de Lugo: “totalmente desmantelada despois de moitos anos nos que o PSOE, coa complicidade do BNG, optou por mirar cara outro lado mentres esta dotación esmorecía pouco a pouco”.
A imaxe do interior desta dotación “é desoladora”, xa que está, segundo os populares, totalmente baleira de contidos, equipos ou calquera tipo de instalación que debería de haber nun edificio destinado á producción de enerxía eléctrica a través da corrente da auga. “Agora entendemos o veto que a alcaldesa sempre nos puxo aos concelleiros do PP para entrar neste edificio, quixo demorar ao máximo que a cidadanía soubese a realidade desta instalación, que lonxe de ser un atractivo turístico e unha fonte xeradora de riqueza converteuse nun reclamo para os vándalos e unha mostra máis do abandono das propiedades municipais polo bigoberno”, lamentou.
Unha situación derivada, opinan os populares, “das cacicadas do PSOE e da incompetencia e falta de rigor e de traballo” dos anteriores Gobernos socialistas, “que contaron coa imprescindible complicidade do BNG”, que provocou que a empresa que tiña a concesión para a explotación da Fábrica da Luz solicitase a rescisión do contrato debido aos incumprimentos do goberno de Lara Méndez.
Recorda o concelleiro popular que “a obra da Fábrica da Luz naceu condenada a fracasar”. Iniciouse en 2008 cunha concesión que estivo baixo investigación xudicial, e “se xa naceu viciada esta obra, despois foi boicoteada desde dentro do goberno socialista”, criticou.
A realidade é que o concelleiro do PSOE con responsabilidades directas e exclusivas na xestión do medio ambiente na cidade e da Fábrica da Luz, Daniel Piñeiro, está vinculado a asociación que denunciou esta obra. “Un complot político no que tamén tiveron que ver cargos nacionalistas, como o vicealcalde, a concelleira de Cultura e un asesor político do BNG no Concello de Lugo, que estiveron nas protestas contra a Fábrica da Luz”, din dende o PP.
“A propia alcaldesa desatendeu ata 5 requerimentos, tanto da empresa como da confederación hidrográfica, que a instaban a solicitar a prórroga da concesión, algo que fixo fora de prazo e provocou a sentenza millonaria que condena a pagar aos lucenses 2,5M€ de indemnización á empresa adxudicataria”, explican.
Unha situación que propiciou que os populares defendesen no pleno, en xuño de 2020, que sexan os políticos responsables do fracaso do proxecto da Fábrica da Luz os que paguen a indemnización que provocaron e que ascende a 2.434.332,16€, un expediente que a día de hoxe non se iniciou polo que todo apunta a que Lara Méndez segue a protexer os seus intereses persoais e os dos seus compañeiros de partido.
Antonio Ameijide explica que nada máis se sabe deste expediente polo que advirte tanto a Lara Méndez como a Rubén Arroxo que ao PP “non lle vai tremer o pulso” para estudar todas as vías legais dispoñibles para que sexan os políticos responsables os que paguen a indemnización e se tanto a alcaldesa como o vicealcalde poñen barreiras a esta saída tamén “pediremos responsabilidades a ambos e terán que explicar aos lucenses que intereses defenden, os dos lucenses ou os dos seus amigos políticos”.
Ago 17, 2021 - 06:18 PM
Moi certo, oiga. Pero tamén queremos que os do PP “paguen do su peto” o desmantelamento das arcas públicas do estado.