O PP lamenta o gran retraso das axudas para material escolar

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Mari Teijeiro, lamenta que, un ano máis, as axudas para material escolar do Concello de Lugo chegarán “moi tarde” ás familias lucenses que as precisan para afrontar o comezo do curso escolar.

Teijeiro afirma “que estamos na segunda quincena do mes de agosto e o equipo de goberno aínda non rematou a elaboración das bases que rexerán a adxudicación destas axudas”. A popular explica que “non se pode consentir máis esta inacción dos socialistas que presumen de ser un goberno municipal que se preocupa polos cidadáns pero que se enrocan ano tras ano no mesmo erro”.

A concelleira popular di que as bases das axudas para material escolar terían que publicarse entre maio e xuño e así ter as axudas concedidas antes do comezo do curso seguinte, para así “garantir” que os nenos e nenas comecen o curso con todo o material preciso, algo que agora non sucede e que “agrava as desigualdades”.

Mari Teijeiro afirma que “non é complicado ter as axudas resoltas antes do comezo do curso escolar e para iso pon como exemplo outros concellos galegos, como o de Santiago, que xa teñen todas as solicitudes de axuda no seu poder a comezos de agosto para resolver as axudas antes do comezo do curso. No Concello de Vigo pechouse o prazo para presentar solicitudes o 27 de xuño e, incluso, o Concello de Ferrol aposta decididamente por estas subvencións, xa que multiplica por dez a inversión que realiza o Concello de Lugo (385.000€ destina o Concello de Ferrol fronte aos 36.500€ do Concello de Lugo)”.

Neste senso, os populares, que presentaron un rogo ao equipo de goberno pedindo un incremento da partida dedicada a estas axudas, lamentan a resposta dada polo goberno local que asegurou aumentar o orzamento total ata os 40.000€, unha contía “escasa, xa que non abonda para atender as solicitudes de todas as familias que, cumprindo as bases, teñen dereito a recibir estas becas xa que non é a primeira vez que numerosas familias quedan fóra destas axudas e sen que se chegue a executar todo o orzamento dispoñible”, explicou a Popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com